O PSdeG propón 27 de setembro como "data de referencia" para as eleccións galegas

"A saúde da cidadanía marca a nosa prioridade e todas estamos concienciadas neste reto en chave de país", afirmou Gonzalo Caballero.
O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero (Europa Press).
photo_camera O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero (Europa Press).

O xecretario xeral das socialistas galegas, Gonzalo Caballero, asegura que “a loita contra o coronavirus é o prioritario no noso país" e sitúa o 27 de setembro como "data de referencia" para a celebración das eleccións á Presidencia da Xunta da Galiza porque ese día se cumpren os catro anos desde os comicios anteriores.

"A saúde da cidadanía marca a nosa prioridade e todas estamos concienciadas neste reto en chave de país", afirmou Caballero após a xuntanza por videoconferencia mantida co presidente do Goberno galego e cos líderes dos principais partidos da oposición esta segunda feira. 

"Queremos poñernos a traballar ao carón de todas as autoridades competentes, do Goberno do Estado, da Xunta, das presidentas das Deputacións e de todos os alcaldes e alcaldesas", salientou o socialista, quen incidiu en que van "traballar nun escenario imprevisíbel hai uns meses e incerto agora, que ten como obxectivo frear esa curva de contaxios".

"A loita contra o virus o marca todo", aseverou Caballero, que trasladou o seu apoio ao presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez. Estamos en contacto con todos os presidentes de Deputacións do PSdeG, cos alcaldes das cidades e co presidente da Fegamp para traballar todos de forma conxunta nun escenario que cambia o noso modo de vida", insistiu. 

Caballero fixo un agradecemento a todas as profesionais sanitarias "que coidan das nosas vidas". “Precisamos un Estado de Benestar potente, ben orzamentado e capaz”, salientou, para tamén agracer o seu esforzo "a todas as profesionais que manteñen activos servizos básicos para o país".

Da xuntanza co presidente da Xunta e co resto de líderes da oposición, o líder socialista destaca que "todas as nosas enerxías teñen que estar postas en loitar contra o risco de contaxios da pandemia". "As socialistas actuaremos con lealdade e con total firmeza co presidente da Xunta e co presidente do Goberno de España, que decretou o estado de alarma e ten o mando único xunto aos Ministros designados. Hai que traballar de forma coordinada para evitar os peores escenarios", sostivo. 

Na súa "vontade de cooperar", expresada a Feixoo esta segunda feira, Caballero propuxo unha serie de medidas económicas e sanitarias ao considerar que "reforzar a protección da cidadanía é fundamental". "Temos que conseguir que todos os mecanismos de protección estén ao dispor das traballadoras que se teñan que desprazar aos seus postos de traballo", dixo. 

"A sanidade pública é vital para o conxunto do país. Necesitamos unha nova formulación", indiciou para apuntar medidas como poñer en funcionamento aquelas partes de hospitais que están pechadas, poñer a disposición do público todos os recursos da sanidade privada, garantir condicións laborais non precarias para as profesionais sanitarias, e traballar na liña de reforzar os programas sanitarios con todos os mecanismos do sistema público nacional.

"A situación sanitaria implica un novo escenario económico. Necesitamos que o Igape se convirta nun instrumento ao servizo da economía do país", asegurou Caballero, "ao servizo de autónomos e pequenas e medianas empresas. Necesitamos unha liña de crédito especial. Medidas para o sector turístico, comercio e transporte".

Caballero avogou por "adaptatar a Administración Autonómica a un novo modelo de funcionamento neste tempo" e tamén se referiu a que "non se pode perder o curso académico porque as alumnas non poidan estar nas aulas". Neste sentido, propuxo "axustes" en todos os niveis educativos. 

O socialista trasladou todas estas reflexións a Feixoo e destacou que "a man tendida do PSdeG porque imos ser colaboradores leais en todo o que teña que ver coa loita contra a extensión do virus entre as galegas, da mesma maneira que o facemos co Goberno do Estado". "Este é un reto de país e temos que afrontalo entre todas", agregou.

Caballero tamén foi contundente a respecto dos comicios galegos: "Por motivos de saúde civil e democrática hai que aprazar as eleccións". E explicou que cada luns haberá unha nova xuntanza do presidente da Xunta cos líderes dos partidos na oposición, así como que mañá mesmo se volverán a reunir "para acadar un sistema para celebrar as eleccións na Galiza". Neste "novo tempo político na Galiza" necesitamos "normalidade e cordialidade", segundo as súas palabras. 

"Debemos dotarnos dunha nova data electoral para a celebración das eleccións", asegurou Caballero, para engadir que "desde o PSdeG queremos buscar o mecanismo legal para atopar esa data". Ese "consenso político" vaise abordar mañá nesa nova reunión e as socialistas xa puxeron sobre a mesa a data do 27 de setembro, sen perder de vista que a súa "prioridade" é "que todos os esforzos estén centrados no coronavirus". "Estamos disposta a adiar a data por criterios de saúde", concluíu Caballero. 

Comentarios