PSdeG promete unha oposición "leal" e "desde a responsabilidade"

Pide a Feixoo que abandone "a confrontación" co Goberno español e acuda con vontade de "cooperar" á Conferencia de Presidentes

Gonzalo-Caballero-Grupo PSdeG-1200x675

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou esta quinta feira que os socialistas farán esta lexislatura unha oposición "leal, pero contundente en todo aquilo que faga perder dereitos á cidadanía galega" e actuarán "desde a responsabilidade", nun contexto de crise sanitaria.

En declaracións aos medios antes de reunirse con parte dos deputados e deputadas socialistas electas -faltaron os da provincia de Ourense por prevención, ao estar unha traballadora do partido en contacto cun positivo por COVID-19-, Caballero chamou a afrontar a nova lexislatura traballando "con humildade, con responsabilidade, entendendo a mensaxe" dos 253.000 votantes que apoiaron o PSdeG nas eleccións do 12 de xullo.

A situación xerada pola pandemia é "unha alarma para todos e unha alerta para a responsabilidade colectiva". É neste contexto que as e os socialistas prometen unha oposición "responsábel", mais "cunha defensa profunda" dos servizos públicos para saír da crise "sen que ninguén quede atrás". As súas propostas, asegurou o secretario xeral, serán "en positivo" para saír desta situación "máis unidos, con políticas de progreso".

Caballero pediu tamén ao presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, que acuda á Conferencia de Presidentes convocada para esta sexta feiracon vontade de "cooperar" e que abandone "a liña de confrontación".

Caballero mostrou tamén a súa preocupación polo inicio do curso escolar en setembro, posto que a Consellería de Educación "non é capaz de alcanzar un acordo e acordar protocolos" para que a volta ás aulas se faga "coa maior normalidade posible e con todas as garantías".

Preguntado acerca da decisión da Xunta de pedir aos viaxeiros procedentes de varias comunidades autónomas e países que comuniquen a súa chegada a Galiza, considerou que "todos os mecanismos de precaución son necesarios", pero "estraña" que non se pida este requisito a persoas que se desprazan de lugares como Madrid,  "cun alto nivel de contaxios".

"Pedimos que poñan a defensa da saúde dos galegos por riba de calquera outra clave, á marxe de calquera interese político ou cuestión ideolóxica", engadiu.

Comentarios