É o primeiro dos partidos en facelo

O PSdeG proclama Gonzalo Caballero candidato á Xunta

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, será candidato á Xunta de Galiza. Así o proclamou oficialmente o PSdeG na mañá deste sábado. O Partido Socialista é a primeira das catro formacións parlamentarias en designar candidato a uns comicios que, en principio, serán en 2020.
 

Gonzalo Caballero
photo_camera O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta Gonzalo Caballero. Foto: cedida.

Segundo a Comisión de Garantías do PSdeG, Caballero presentou “a única candidatura formalizada en prazo e que cumprise os requisitos esixidos”, en concreto o 2% de avais de militantes. Só falta o trámite da ratificación do Comité Federal do PSOE.

Gonzalo Caballero non ten escano no Parlamento de Galiza. Alí é Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato en 2016 -cando os socialistas galegos ficaron en terceira posición, por detrás de PP e En Marea- quen exerce como portavoz parlamentario. O secretario xeral e agora xa oficialmente candidato tampouco amosa maior interese por se incorporar ao Hórreo.

A súa ausencia no Hemiciclo desdebuxa o papel do PSdeG e dificulta a escenificación de Caballero como alternativa a Feixoo, toda vez que é Fernández Leiceaga quen protagoniza as sesións de control ao presidente da Xunta.

Candidatas


Nin PP, nin En Marea, nin BNG decidiron aínda os seus candidatos á presidencia do Goberno galego. Se ben nos populares hai voces que xa lle piden a Núñez Feixoo que repita -sería a cuarta vez-, con certo temor ao baleiro e entre os nacionalistas Ana Pontón parece non ser discutida, En Marea atópase mergullada nunha das súas xa habituais, cíclicas e convulsas, crises de liderado.

O actual portavoz da confluencia de esquerdas, Luís Villares, é cuestionado polos tres partidos do espazo e por algúns dos máis importantes cargos institucionas, como os alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol. No último plenario, o villarismo perdeu as votacións máis importantes.

Comentarios