O PSdeG pide as transferencias de tráfico, inspección de traballo, policía autonómica e AP9

Xaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á Xunta, e Pilar Cancela, nº1 ao Congreso pola Coruña, deron a coñecer en rolda de prensa as propostas económicas da formación socialdemócrata para Galiza. Entre elas, atópase a transferencia das competencias de tráfico, inspección de traballo, policía económica e AP9.

Leiceaga e Pilar Cancela
photo_camera Xaquín Leiceaga e Pilar Cancela

Leiceaga e Cancela foron os encargados de dar a coñecer as principais medidas de impulso económico para Galiza coas que o PSdeG se presenta ás eleccións xerais. En rolda de prensa, apostaron nunha “revisión inmediata” do modelo de financiamento e en substituílo por outro que contemple máis recursos para as comunidades autónomas. Reclamaron que se atendan os factores de dispersión e envellecemento do pobo galego.

Tamén avogaron por reformar a lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e o Fondo de Liquidez Autonómica.

Aliás, en materia económica, o PSdeG defende reforzar o nivel competencial de Galiza. En concreto, os socialdemócratas consideran prioritarias as transferencias de tráfico, da policía autonómica, da inspección de traballo e da AP9.  Tamén aludiron a medidas do sector enerxético destinadas a evitar situacións como a de Alcoa.

Aínda que non concretaron máis medidas, Leiceaga e Cancela deron conta da necesidade de impulsar o desenvolvemento rural, a agricultura, a pesca, o naval, infraestruturas galegas, a cultura, a lingua e o medio ambiente. “Nun sector como o lácteo, pedimos a incorporación de garantías de cumprimento do acordo lácteo a través dun réxime sancionador, definir prezos sostíbeis, estabelecer un novo contrato tipo e crear a figura obrigatoria do mediador”, salientou a número 1 do PSdeG pola Coruña.

O PSdeG resta credibilidade ás “previsións propagandísticas de Feijóo”

A preguntas dos medios de comunicación, Leiceaga restou importancia ás “previsións propagandísticas de Feijóo” en relación á economía galega –o presidente da Xunta asegurou que Galiza crecerá un 2,8% en 2016. “Eu non lle daría demasiado valor a esta previsión que forma parte das artes de campaña”, advertiu.

Leiceaga: “Galiza creceu sistematicamente menos que España, tivo unha evolución do emprego sistematicamente peor que a media española"

O candidato do PSdeG á Xunta fixo fincapé en que “Galiza creceu sistematicamente menos que España, tivo unha evolución do emprego sistematicamente peor que a media española. Isto é o que sabemos, o resto é propaganda”.

Comentarios