PSdeG pide un pleno extraordinario pola utilización “partidista” da Delegación da Xunta en Vigo

Fernández Leiceaga critica que se poña a Delegación da Xunta en Vigo “ao servizo do PP” co nomeamento de Corina Porro.

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xaquín Fernández Leiceaga

O portavoz parlamentar do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, anunciou este domingo que pedirá a comparecencia de Feixoo no Parlamento para explicar por que pon a Delegación da Xunta en Vigo “ao servizo do PP” e non, como debera, enfocada a “todos os vigueses”. Leiceaga refírese ao nomeamento para ese posto de delegada da presidenta da xestora do PP na cidade, Corina Porro, que ten un amplo currículo de cargos e postos co Partido Popular.

O socialista reprobou que Feixoo “poña nas súas mans” esta oficina xusto despois de “encargarlle reconstruír o partido” a consecuencia da súa “desfeita electoral” en Vigo. “Alimenta unha confusión, que nos parece perigosa para a calidade democrática, entre o plano partidario e o plano institucional”, recalcou-

Ademais, Fernández Leiceaga observou que “chama a atención” que “a resposta de Feixoo” tras dúas derrotas electorais consecutivas, en alusión á caída do PP galego á segunda posición nas eleccións xerais e europeas, non sexa acometer mudanzas nas súas políticas senón nos cargos.

Comentarios