Pactos

O PSdeG perde a maioría absoluta en Tui após o reconto de papeletas

Un voto que fora declarado nulo o pasado domingo 26M é dado por válido pola Xunta Electoral de Zona de Tui. Desta maneira o PSdeG perde un concelleiro e con el a súa maioría absoluta.

Tui [Imaxe- tui.gal]
photo_camera Tui [Imaxe: tui.gal]

As turbulencias políticas parecían ter rematado en Tui o pasado 26M cunha maioría absoluta do PSdeG. Na última lexislatura viviuse unha tensa moción de censura artellada pola dereita contra o pacto de goberno que encabezaba Enrique Cabaleiro do PSdeG como alcalde. Tamén no campo da dereita a irrupción do home forte de Fraga e histórico do PPdeG, Diz Guedes, como candidato á alcaldía por Ciudadanos deixaba as urnas de Tui impredecíbeis.

As celebracións do domingo no PSdeG pouco duraron

As celebracións do domingo no PSdeG pouco duraron. As urnas do 26M sorprendían co ascenso de 3 a 9 edís para o PSdeG co que se coroaban coa maioría absoluta, diante de PP (2 actas), BNG (2), C´s (2) C21 (1) e En Marea (1).

Mais o soño da absoluta esvaeceuse esta cuarta feira coa decisión da Xunta Electoral da Zona de Tui de aceptar un voto que fora declarado coma nulo no colexio electoral o pasado domingo. Como consecuencia, o PSdeG perdeu un concelleiro e a maioría absoluta ao pasar de nove a oito actas.

A papeleta contiña un voto para o PP no que se escribiu un 'si'

O ex alcalde e candidato novamente á alcaldía, Enrique Cabaleiro, detallou que esta papeleta contiña un voto para o PP no que se escribiu un 'si', polo que os compoñentes da mesa na que se emitiu, situada na parroquia de Randufe, non o consideraron válido. Ademais, explicou que, aínda que no momento do reconto electoral ninguén impugnou esta decisión, o PP procedeu deste xeito posteriormente. Así, o PP pasa de dous a tres actas.

Cabaleiro, que anunciou que recorrerá a decisión, afirmou que en todo caso, a perda da maioría absoluta non implica un "cambio" na folla de ruta do seu partido e amosouse disposto a chegar a un acordo principalmente co BNG e a En Marea de ser necesario.

Comentarios