40 anos do estatuto de autonomía

O PSdeG pedirá a transferencia de 30 novas competencias para “reforzar o autogoberno”

Os socialistas  critican a " inacción" de Feixoo en materia de traspasos nos seus anos de Goberno galego.

PSdeg 40 anos estatuto

O Partido Socialista de Galiza (PSdeG) demandará no Parlamento a transferencia de 30 novas competencias a Galiza, como a xestión do litoral e do tráfico, co obxectivo de reforzar o “autogoberno galego”.

Así o avanzaron o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente do partido e senador, Xaquín Fernández Leiceaga, este 6 de abril, xornada na que se celebra o 40 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza.

Antes de participar no acto institucional organizado polo Parlamento para celebrar esta efeméride e acompañados por outros cargos do partido, ambos os socialistas compareceron ante o Hostal dous Reis Católicos en Santiago para lembrar como hai catro décadas os Pactos do Hostal "permitiron que Galiza tivese unha autonomía de primeira" e "non ficase atrasada".

"Hoxe Galiza dispón dun Goberno autonómico, dun Parlamento que lexisla, institucións xudiciais, a dignidade dun pobo que ten competencias á hora de decidir as súas políticas públicas", destacou Gonzalo Caballero, que puxo en valor os avances logrados por Galiza após a aprobación do Estatuto. Aínda que considerou necesario "impulsar e actualizar" o texto tras a pandemia, sostivo que, mentres non se aborde esta reforma, "hai posibilidades de seguir avanzando" dentro do actual Estatuto.

"Por iso imos levar ao Parlamento un conxunto de competencias que poden e deben de ser transferidas", indicou nunha intervención na que criticou a " inacción" de Feixoo nesta materia, con ningún novo traspaso nos seus anos de goberno.

Nesta liña, Leiceaga, que xa trasladou esta proposta ao Parlamento de Galiza en 2019, reivindicou o "espírito reformista tamén en materia estatutaria" do PSdeG fronte á posición "conservadora" dun PPdeG que "no seu momento puxo trabas" a unha posíbel reforma do texto e "impediu a súa modernización".

Todo iso, conforme sinalou Leiceaga, nun contexto no que o presidente da Xunta, Núñez  Feixoo, recibiu unha Galiza "nacionalidade histórica" para convertela nunha "nacionalidade que vai camiño dunha segunda división", "quedando por detrás xa non só de Cataluña e  Euskadi, senón que mesmo dos estatutos de Valencia ou Andalucía".

É por iso que avogou por "seguir adiante" no proceso de modernización do autogoberno en favor dos cidadáns e conseguir transferencias como a xestión do litoral, do catastro, competencias en materia de tráfico, así como de inspección de traballo, entre outras cuestións. "Máis de 30 competencias que podían ser asumidas por Galiza", destacou Leiceaga.

No acto, ademais, o secretario  xeral do PSdeG volveu reivindicar o socialismo e o galeguismo como as "referencias ideolóxicas" do PSdeG e incidiu en que, unha vez que pase a crise provocada pola pandemia da covid-19, haberá que "actualizar e impulsar" o Estatuto de Autonomía para conseguir que Galiza "non fique atrasada nin en capacidades, nin en competencias, nin en dereitos".

Ademais, criticou a postura dos nacionalistas sobre o texto do que est terza se celebra o seu 40 aniversario. "Fronte a aqueles que preferiron poñerse á marxe do Estatuto, fronte a aqueles que expoñen a autodeterminación, o  separatismo ou o independentismo como vía para construír unha Galiza máis forte, temos que trasladar ao conxunto do país que o mellor galeguismo, o galeguismo inclusivo comprometido con Galiza, é o que defende o estatuto de autonomía", indicou.

Ademais, criticou a postura dos nacionalistas sobre o texto do que est terza se celebra o seu 40 aniversario. "Fronte a aqueles que preferiron poñerse á marxe do Estatuto, fronte a aqueles que expoñen a autodeterminación, o  separatismo ou o independentismo como vía para construír unha Galiza máis forte, temos que trasladar ao conxunto do país que o mellor galeguismo, o galeguismo inclusivo comprometido con Galiza, é o que defende o estatuto de autonomía", indicou.

Comentarios