O PSdeG, nen co PP nen "con independentistas que rachen o modelo constitucional"

O día despois do debate a 4, Pilar Cancela quixo mostrar cercanía con Podemos, de quen dixo partillar "máis identidade programática" que con outras formacións. No entanto, invocou a "cifra máxica" dos 176, a maioría absoluta. Se non a reúnen con Podemos, o PSOE continúa a pensar no pacto con Cs.

Pilar Cancela e Antonio Hernando. Eleccións xerais 2016.
photo_camera Pilar Cancela e Antonio Hernando


Cancela -candidata número 1 por A Coruña ao Congreso, presidenta da xestora do PSdeG e persoa da confianza de Pedro Sánchez- esforzouse por situar o seu partido nunha posición central no taboleiro: "Non imos pactar, nen imos apoiar nin imos permitir que exista un goberno do PP, de xeito tallante (...) mas tampouco imos pactar con independentistas que rachen o modelo constitucional", dixo aos meios antes de pasear, na compaña do portavoz socialista no Congreso Antonio Hernando, pola compostelá praza de Abastos.

A única condición para que un pacto de esquerdas puidese callar, enfatizou, é que sumen a maioría absoluta da cámara, sen que fose preciso o concurso das forzas soberanistas

A dirixente do PSdeG moveuse no marco do argumentario do seu partido. Xustificou o pacto con Cs en que ambas son "forzas do cambio", mais a seguir mostrou maior afinidade ideolóxica con Podemos. A única condición para que un pacto de esquerdas puidese callar, enfatizou, é que sumen a maioría absoluta da cámara, sen que fose preciso o concurso das forzas soberanistas, algo que, salientou, non aconteceu após o 20D.

Para Cancela, o que resulta incoherente é que Podemos reclame agora o apoio do PSOE caso de este partido ficar na terceira praza cando a formación morada "votou co PP" para evitar no seu momento que Sánchez pilotase o que chamou "o goberno do cambio".

Comentarios