O PSdeG e a Marea Atlántica aproban os orzamentos do Concello da Coruña

Os orzamentos municipais do Concello da Coruña quedaron aprobados cos votos a favor de PSdeG e Marea Atlántica. O PP votou en contra, mentres que o BNG e a concelleira non adscrita optaron pola abstención.
Na sesión extraordinaria do pleno do Concello da Coruña do 10 de marzo aprobáronse os orzamentos municipais. (Foto: Andy Pérez)
photo_camera Na sesión extraordinaria do pleno de Concello da Coruña do 10 de marzo aprobáronse os orzamentos municipais. (Foto: Andy Pérez)

A Corporación local do Concello da Coruña, reuniuse o 10 de marzo nunha sesión plenaria de carácter extraordinario na que se aprobaron os orzamentos municipais para o ano 2022 cos votos a favor do grupo de Goberno e da Marea Atlántica.

O PP votou en contra, mentres que o BNG e a concelleira non adscrita e militante de Podemos, Isabel Faraldo, optaron pola abstención.

O portavoz do Goberno municipal e concelleiro de Facenda, José Manuel Laxe Tuñas, defendeu que os orzamentos "inclúen" propostas de todos os grupos e afirmou que o que se dirimía na votación "non é o apoio a un Goberno, é un apoio á cidadanía".

A portavoz da Marea Atlántica, que tamén apoiou as contas, María García, destacou que as consecuencias da crise sanitaria estanse "vendo agravadas" pola "brutal invasión" de Ucraína por parte de Rusia, e nese contexto aseverou que é "necesaria" unha Administración "forte" e "con políticas áxiles".

En troques, a portavoz do grupo popular, Rosa Gallego, xustificou o voto en contra do seu partido na ausencia da súa "primeira premisa", que é "baixar impostos". Gallego, ademais, cualificou os orzamentos como un "atropelo".

O BNG manifestou a súa intención de "non obstaculizar" a tramitación das contas, razón da súa abstención.

O portavoz municipal nacionalista na Coruña, Francisco Jorquera, criticou o "procedemento antidemocrático" co que o Executivo da cidade tramitou os orzamentos, "sen darlle tempo" á oposición a acceder á documentación coa "suficiente antelación" para formarse unha "opinión cabal" a respecto do contido. 

Ademais, o portavoz nacionalista manifestou "dubidar" da "solvencia" do Goberno municipal para "materializar" un proxecto de orzamentos municipais que "debería ser críbel".

Comentarios