O PSdeG insta Alfonso Rueda a "asumir" que é o presidente da Galiza

Luís Álvarez ve o presidente "extremadamente nervioso" polas eleccións.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, emprazou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a "asumir que é presidente, malia que sexa por accidente" e tome as rendas fronte á situación crítica que, apuntou, o país atravesa en diferentes campos, como o da sanidade ou as políticas sociais.

Neste sentido, Álvarez emprazou a rematar co "calvario de medidas improvisadas" iniciado por un Goberno ao que ve "extraordinariamente nervioso" diante dacita das próximas eleccións municipais.

O portavoz do PSdeG na Cámara manifestou que a formación socialista afronta o proceso electoral como medio de "garantir Gobernos de progreso para resolver os problemas da cidadanía" galega. 

"Figurantes"

Da outra parte, aseverou Álvarez, o PP preséntase a un "cásting de figurantes" ansiosos de ter "o poder polo poder", e ao tempo acusou o BNG de procurar "construír unha realidade identitaria fóra de todo lugar".

Unha cita coas urnas nas que, segundo Álvarez, o PSdeG confía en "revalidar o éxito de hai catro anos" e á que acudan "sen renunciar a nada" para "conseguir unha vitoria" que sirva "de antesala" "dunha nova vitoria" de Pedro Sánchez nas eleccións españolas que tocaría realizar a final de ano.

Ciclo electoral

Todo iso, ademais, tendo no horizonte uns comicios galegos que, en caso de non producirse adiantos, terían lugar a mediados do ano 2024 e que completarán, dixo, un ciclo electoral no que a formación socialista considérase "en disposición" de ser capaces de "liderar" o Goberno da Xunta.

Máis en POLÍTICA
Comentarios