Política

PSdeG e Galicia en Común urxen a Xunta a actuar nas residencias de maiores

Ambas formacións instan a Xunta a adoptar as medidas necesarias para garantir que as usuarias das residencias de maiores na Galiza reciben os coidados axeitados e que o persoal destes centros conta co material preciso.
Desinfección en centros de maiores (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Desinfección en centros de maiores (Eduardo Parra / Europa Press).

PSdeG e a coalición Galicia en Común-Anova Mareas urxen a intervención da Xunta nas residencias de maiores para dotalas do persoal necesario e de equipamentos de protección para evitar o aumento de contaxios por coronavirus que medra día a día

O portavoz de sanidade do PSdeG no Parlamento galego, Julio Torrado, urxiu a contratación de máis persoal para as residencias de maiores e persoas con diversidade funcional, así como "o cumprimento estrito dos protocolos" para impedir os contagios da COVID-19. 

Así mesmo, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a que "adopte xa todas as medidas" precisas para "evitar o colapso" das residencias de maiores, "procedendo á intevención e medicalización dos centros para garantir que as persoas afectadas a reciben os coidados axeitados coa proteción necesaria para eles e o persoal que os atende".

Nun comunicado, as socialistas trasladaron a súa colaboración á Xunta, pero solicitaron información "máis precisa sobre as residencias de maiores" e, ante a "preocupante" situación destas, sinalan que "hai que tomar todas as medidas para garantir que non se sigan producindo contaxios masivos".

Julio Torrado pediu que se expoñan os plans de acción do Goberno galego para poñer en funcionamento os centros de Baños de Molgas e Compostela e reclamou que se dea conta da configuración do cadro de persoal dos novos centros integrados, xa que pode supor "desprazamentos de cen quilómetros" para as traballadoras.

Pola súa banda, Gómez Reino lembrou que desde a coalición levan "días reclamando e urxindo a Feixoo a que actúe sen demora nas residencias da terceira idade, que están a ser focos importantes de contaxio entre usuarias e coidadoras; sen afondar no sufrimento e na anguria de moitas familias galegas afastadas das súas avoas e avós".

"Ademais do caso da residencia de Celanova e dos centros privados da empresa Domus VI en Vigo, Cangas, Santiago e Carballo, temos constancia doutros en Ourense e A Coruña e novas denuncias en centros en Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Fisterra e Viveiro. E a lista vai medrando”, afirmou Gómez-Reino.

Galicia en Común-Anova-Mareas considera que a saúde e os coidados deben ser un servizo público e cuestiona "o modelo de privatizacións e recortes aplicado durante os Gobernos sucesivos do Partido Popular na Galiza, que permitiron facer negocio coa prestación de servizos básicos esenciais".

Comentarios