O PSdeG é a forza máis votada en Ourense, mais quen queira gobernar deberá pactar

Nove representantes para as socialistas, sete para o PP, os mesmos que logra D.O, e dous para Ciudadanos. BNG volve á Corporación, con dúas representantes.

PSdeG Ourense
photo_camera PSdeG Ourense

Ourense, todo aberto. É unha das cidades onde as urnas deixan este 26M un resultado máis aberto. E con Democracia Ourensá tendo a chave. A dereita de PP e Cs suman nove edís. Dez suman PSdeG e BNG. O partido de Jácome, con 7, pode ser moito máis que un simple árbitro.

O PSdeG foi a forza máis votada este 26M, ao lograr 9 concelleiros e concelleiras atinxindo 26% dos votos. Son tres cadeiras máis que nas municipais de 2015. O PP perde 3 edís e pasa de 10 a 7 (ten 23% dos votos, sete puntos menos que en 2015). Os mesmos concelleiros e concelleiras ten Democracia Ourensá, con 21% dos apoios nas urnas. Perdeu a respecto da anterior cita unha cadeira e catro puntos.

Entra Ciudadanos, que irrompe con 2 representantes na Corporación, e tamén o BNG, que após catro anos de ausencia logra este domingo 2 cadeiras grazas aos máis de 3.300 sufraxios recibidos (6,2%).

Por contra, perde a representación na Cámara o espazo das ‘mareas’ ou ‘municipalismo’. Tiña 3 concelleiras mais este 26M non logra representación. Até 3 candidaturas ‘herdeiras’ competían por ter presenza: Ourense en Común, Ourense Mellor, e Podemos-Esquerda Unida.

Comentarios