O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou esta cuarta feira á Xunta da Galiza a gratuidade dos abonos do transporte en autobús para complementar a medida anunciada polo presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, de bonificar 100% dos bonos multiviaxe de Renfe nos servizos de proximidade e media distancia.
O xefe de filas dos socialistas galegos asegurou que esta medida beneficiará "miles de galegos nas rutas ferroviarias do eixo atlántico".
Formoso celebrou que a gratuidade do tren "beneficiará miles de galegos"
Neste contexto, Formoso sinalou que a gratuidade do transporte público en autobús sería necesaria no ámbito metropolitano e mais no rural para manter un "equilibrio de esforzos por parte de ambos os gobernos: o do Estado e o da Galiza".
"Ausencia de medidas" da Xunta
O líder socialista censurou a "ausencia de medidas" por parte da Xunta para amortecer os efectos da crise na economía das familias e das empresas galegas.
"Aínda non fomos escoitados na nosa petición de que parte dos impostos que gravan os hidrocarburos que se consomen na Galiza, e que recibe a Xunta, sexan destinados a axudas a sectores estratéxicos como o transporte, a pesca ou a agricultura para axudalos a soportar os efectos desta crise", sostivo.
Aliás, González Formoso reclamou "unidade nas medidas para facer fronte á crise" e pediu ao PP "que deixe os intereses partidistas á marxe" e que "as medidas anunciadas na terza feira [polo Goberno estatal] conten co apoio do principal partido da oposición".