É xornada electoral no PSdeG. A militancia socialdemócrata elixe este domingo as e os cabezas de lista nos municipios de máis de 20.000 habitantes.
Todos os focos están centrados na Coruña, onde se presentaron catro aspirantes que reuniron o máximo número de avais permitidos, un total de 54. Mídense nestas eleccións primarias José Manuel García, o actual portavoz municipal e persoa de confianza da ex secretaria local Mar Barcón; a avogada Inés Rey; o avogado Rafael Arangüena, que é vicesecretario de Relacións Institucionais do PSOE coruñés, e Juan Ignacio Borrego, ex vicesecretario e ex portavoz do PSOE coruñés.
En Ferrol, un acordo de última hora entre o senador Ángel Mato e Antonio Golpe provocou que de tres aspirantes fiquen dous, o propio Mato e Germán Costoya, concelleiro.
Ourense contaba inicialmente con cinco aspirantes que se reduciron a dous: o actual portavoz municipal José Ángel Vázquez e a profesora Elena de Prada, que sumou á súa candidatura outro dos precandidatos, Antón Alonso.
En Compostela só se presentou o ex alcalde Xosé Sánchez Bugallo logo dun acordo entre distintos sectores do partido, mentres que en Pontevedra fixo o propio o actual portavoz local, Agustín Fernández. En Lugo e Vigo repetirán como candidatos a actual alcaldesa, Lara Méndez, e o seu homólogo vigués Abel Caballero.