O PSdeG di que "só" se executou o 9,2% do orzamento de vivenda

Luis Álvarez, voceiro do grupo socialista no Parlamento galego, reproba a xestión da Xunta co diñeiro público e asegura que a falta de execución orzamentaria de 2022 podería repetirse en 2023.
Luis Álvarez (Foto: Nós Diario).
photo_camera Luis Álvarez (Foto: Nós Diario).

O voceiro do grupo socialista no Parlamento galego, Luis Álvarez, denunciou onte a baixa execución orzamentaria da Xunta da Galiza no ano 2022, destacando negativamente os servizos públicos e de protección social, con especial énfase   en vivenda, onde o diñeiro finalmente empregado sería o 9,2% do total previsto.

Nunha comparecencia para facer balance do ano que xa rematou, o portavoz do PSdeG asegurou que a execución do Goberno galego foi “insuficiente”. 

O socialista amosa que “nada cambiou” nos primeiros meses de Alfonso Rueda na presidencia da Xunta, que continúa coa “tendencia histórica” dos populares de “anunciar grandes orzamentos sociais para logo non executalos”, polo que Álvarez adiantou que para este 2023 "volverá pasar o mesmo".

Álvarez preguntouse “como é posíbel” que o Goberno galego continúe neste camiño, cando a Galiza é o territorio do Estado español con “menos axudas ao alugueiro para a xente moza” así como “a que ten menor promoción pública de vivenda”.

Ademais, resaltou outros datos por seccións, como o 55% de execución en protección social, dentro dos cales, nos servizos sociais comunitarios -onde se inclúen por exemplo, as residencias de maiores-, foi executado o 29% do orzamento, así como o ámbito de fomento do emprego cun 19% de execución. 

Neste sentido, Álvarez lembra que en 2021 houbo 800 millóns de euros dos orzamentos que remataron noutras partidas, movementos dentro das contas que confirman, para o voceiro socialista, que a imaxe de “Goberno que mellor xestiona e planifica” que se “vende” desde a Xunta é "totalmente equívoca".

Por último acusou o Executivo do PP de estar “pendente de confrontar co goberno do Estado español” para “botarlle a culpa das eivas das súas competencias”.

Comentarios