Apostan por valorar as medidas en cada momento

PSdeG di que Feixoo dá "bandazos" no lugar de atallar a crise da Covid

En conversa cos xornalistas e as xornalistas, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acousa ao presidente da xunta de dar "bandazos" e confrontar co Goberno do Estado español no canto de adoptar medidas necesarias ante os contaxios de Covid-19.
EuropaPress_3522273_gonzalo_caballero
photo_camera O lider do PSdeG, Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG (Partido Socialista da Galiza), Gonzalo Caballero, censurou a "enorme inconsistencia" que aprecia no discurso do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, a quen acusou ademais de andar a dar "bandazos" e de estar "máis preocupado" en "confrontar" co Goberno do Estado e coas súas decisións sanitarias que en adoptar as medidas necesarias ante a Covid-19.

A pasada quinta feira, as xornalistas interrogaron o líder dos socialistas galegos en relación coa actual situación sanitaria e co debate sobre a necesidade de incrementar ou non as restricións como o adianto do toque de recoller ou a reclusión no fogar, posición na que se situaba o Bloque Nacionalista Galego ao defender o confinamento de dúas semanas.

 Sobre a ampliación das medidas adoptadas fronte á Covid-19 por parte da Xunta, Gonzalo Caballero reprochou a actitude de Feixoo, que "hai dous meses" dicía que decretar o estado de alarma suporía "un gran perigo" e non permitiría "ter un gran Nadal e grandes datas de Semana Santa".

"Estaba fóra da realidade", sinalou Caballero, para criticar que a Xunta estea máis preocupada por "buscar debates estériles" que por adoptar todas as medidas ao seu dispor, ao contar coa autoridade delegada do estado de alarma.

Caballero non descartou a necesidade de aumentar as restricións para frear esta terceira vaga, pero si apostou por tomar accións e decisións "ponderadas en cada momento". 

"Xa escoitamos como o BNG no mes de outubro promovía un confinamento total", exemplificou o líder dos socialistas galegos, e que finalmente os datos evidenciaron que as medidas adoptadas foron "suficientes" para controlar a segunda vaga da pandemia.

Por todo iso, pediulle ao resto de forzas políticas abandonar debates "estériles" en favor da "consistencia" e a "responsabilidade", sempre desde o respecto ás decisións adoptadas con criterios clínicos tanto desde a Xunta como desde o Ministerio de Sanidade.

Comentarios