O PSdeG depositará mañá ante notario a moción contra Jácome

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chama os partidos a asinar na notaría para impulsar a saída do actual alcalde de Ourense e solucionar a crise política no Consistorio.
Gonzalo Caballero, hoxe, na súa visita a Ourense. Foto PSdeG
photo_camera Gonzalo Caballero, hoxe, na súa visita a Ourense. (Foto: PSdeG)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense para anunciar que pon "sobre a mesa as sinaturas das nove concelleiras e concelleiros socialistas para impulsar unha moción de censura que permita solucionar a situación crítica da cidade” e chamou as demais forzas políticas a actuar con “corresponsabilidade”. 

“Cada un terá que retratarse do que quere para Ourense: que goberne a lista máis votada [a do PSdeG] ou que siga a crise municipal”, resumiu. No escenario “máis grave de ningunha cidade de España”, o líder socialista deixou claro que “só existen dúas opcións”, que pasan por que Rafael Rodríguez Villarino -portavoz do PSdeG na cidade das Burgas- abra “unha nova etapa” á fronte do concello ou que se manteña “o caos municipal”. 

Caballero remarcou “o compromiso” do seu partido con “dar un cambio de progreso” a Ourense, “para traballar nestes tempos de crise polo futuro da cidade con responsabilidade”.

E contrastou este comportamento coa actuación do PP, que, logo de “xerar o problema” a través do “pacto da indignidade” asinado co actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), agora “non quere asumilo nin desculparse ante a cidadanía”.

“Nós cremos que o cambio é necesario, e que os que xeraron o problema agora teñen que permitir solucionalo”, incidiu o xefe de filas do PSdeG, quen recordou como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “botou balóns fóra” cando el mesmo o levou á Cámara galega a dar contas sobre este asunto. Por iso, fixo un chamamento a Feixoo  “para que decida que quere facer coa terceira cidade da Galiza: se quere un cambio ou quere manter Jácome onde o puxo” a cambio de que Baltar seguise á fronte da Deputación ourensá.

“É o único alcalde que puxo o PP nas cidades galegas e agora Feixoo está agochado”, evidenciou Caballero, reprochando que o PP estea “intentando enredar” e deixando pasar o tempo nunha estratexia que “parece encamiñada a que Jácome siga na Alcaldía”.

O BNG reafírmase na moción de censura

Ao anuncio feito polo PSdeG de depositar nunha notaría a moción de censura para que o resto de grupos acudan á súa sinatura, desde o BNG pediron que cesen os "xogos florais", pois o procedemento válido pasa por presentar a moción no rexistro do Concello e aseguraron que en canto así se faga a asinarán. O portavoz do Bloque en Ourense, Luís Searea, reafirmouse na posición do nacionalismo xa anunciada hai dous meses: moción de censura e que goberne a lista máis votada.

Comentarios