O PSdeG denuncia contratos da Deputación de Ourense ante Contas por "presuntas irregularidades"

En xaneiro, unha investigación da Fundación Civio deu conta dos contratos menores asinados pola Deputación nos sete primeiros meses de 2019, algúns presumíbelmente fraudulentos. O PSdeG anunciou que non descarta emprender accións legais ao respecto.
onzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Pleno ordinario da Deputación Ourense correspondente ó mes de decembro (Imaxe: Europa Press)

O PSdeG entregou onte ao Consello de Contas unha denuncia sobre o "reparto a dedo de sete millóns de euros" en contratos menores pola Deputación de Ourense, presidida polo popular Manuel Baltar. Xunto a ela entregaron 1.000 folios con documentación anexa na que debullan os 160 contratos menores de obras entre catro empresas nos dous últimos anos, "de forma presuntamente irregular".

En xaneiro Nós Diario fíxose eco dunha investigación da Fundación Civio, na que destacaba a Deputación de Ourense como o organismo a nivel estatal que máis contratos menores posibelmente fraudulentos concedera nos sete primeiros meses de 2019. Agora, o Consello de Contas ten un prazo de tres meses para pronunciarse sobre esta cuestión.

As socialistas aseguran , como recolle Civio e relatou este medio, que desde a entrada en vigor da Lei 9/2017 de contratos públicos o Executivo presidido por Baltar "repetiu adxudicacións menores, en moitos casos con importes exactamente iguais, no borde do límite máximo, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas". Tamén destacan a distinta natureza de contratos con importes idénticos. 

Accións legais

Noutros casos, di o PSdeG, "incumpriuse directamente o límite legal por razón da cantidade". A norma marca que os contratos de obras non poden chegar aos 40.000 euros e os de servizos ou subministración aos 15.000. 15 contratos de obras e até 10 de servizos, segundo o partido, pasan o tope fixado.

O secretario provincial socialista, Rafa Villarino, asegura que Contas "deberá determinar se Baltar, ademais de incumprir a lei de contratos, tamén executa actos supostamente ilegais que parecen unha cadea de favores". Villarino non descarta emprender accións legais. 
 

Comentarios