Tres millóns de euros

Polémica adxudicación de ‘O son do Camiño’

O PSdeG critica a concesión "a dedo" de 3 millóns para o festival 'O Son do Camiño'. O BNG denuncia a falta de transparencia desta adxudicación e En Marea pon en dúbida a legalidade. A Asociación galega de empresas musicais estuda emprender accións ante as "fundadas sospeitas" dun contrato "preparado" para este festival.

o son do camiño imaxe xunta
photo_camera Imaxe da Xunta da presentación do festival.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora de Turismo, Nava Castro, presentaban esta sexta feira o festival 'O Son do Camiño', unha proposta musical "de primeiro nivel" no que van estar The Killers, Franz Ferdinand, Lenny Kravitz e Jamiroquai como cabezas de cartaz. Un cartaz no que tamén haberá predsenza galega, como Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Eladio y los Seres Queridos, Malandrómeda, ou Bala, entre outros. Será no Monte do Gozo (Santiago de Compostela) entre o 28 e 30 de xuño.

PSdeG

Mais a sombra da sospeita de irregularidades xa paira sobre este festival desde a súa presentación. O PSdeG  presentou unha iniciativa no Parlamento galego para esixir á Xunta explicacións pola concesión "a dedo" do contrato de 3 millóns de euros para organizar o festival. Os socialistas acusan a Xunta dun "basto subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras" para, di, "garantir a exclusividade das empresas".

Así, afirman que o goberno "preocupouse de garantir o monopolio e exclusividade a unha UTE para garantirlles o contrato sen concurso público nin aberto". Na plataforma de contratos públicos, segundo indican os socialistas, é "imposíbel atopar os pregos de cláusulas administrativas nin de prescricións técnicas", e na resolución da adxudicación "non existe ningunha concreción do que a administración está a comprar por 3 millóns de euros".

Esa unión temporal de empresas, segundo indica o PSdeG, é a formada polas firmas Old Navy Port . e Esmerarte. O PSdeG indica que en abril Feijóo se entrevistou cun dos propietarios para falar da creación dun novo festival. En xuño, segundo sempre o PSdeG, unha destas empresas da UTE solicitou a marca 'O Son do Camiño' no rexistro de patentes e marcas.

BNG

De por parte, o BNG reclamar á Xunta o envío inmediato á Cámara de toda a documentación relativa ao contrato de patrocinio que o Goberno galego asinou“con total  falta de transparencia no proceso administrativo.

A deputada nacionalista Olalla Rodil, pide “que se explique por que se asinou un contrato por valor de case tres millóns de euros sen concorrencia competitiva nin publicidade algunha, e cales son os compromisos que se derivan deste patrocinio arredor do Xacobeo 2021”.

En Marea

Para En Marea, "a evidente e total ausencia de transparencia nesta contratación vulnerando as normas que regulan a contratación pública esixen unha inmediata aclaración por parte da directora da Axencia Turismo de Galiza e dos demais titulares dos departamentos que participaron neste procedemento.

Empresas Musicais

De por parte, a Asociación Galega de Empresas Musicais emitiu un comunicado no que anuncia que vai  “estudar as accións que correspondan en defensa dos intereses do sector".perante "as fundadas sospeitas de que o contrato foi preparado con accións que permitisen darlle unha aparencia de legalidade", subliña.

Lembra esta asociación que enviou a inicios de febreiro unha carta á Consellería de Presidencia "solicitando a paralización dun proceso que entendía que non cumpría cos requisitos mínimos de concorrencia e igualdade de oportunidades".

Comentarios