Reclaman axudas para a hostalaría

O PSdeG critica a política "errática" de rastrexo

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos (PSdeG) compareceu en roda de prensa para pór de manifesto a súa denuncia canto ao reducido número de rastrexadoras, así como a falta de axudas para o sector hostaleiro.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa o 16 de novembro de 2020 (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. (Foto: E.P.)

O secretario xeral do Partido Socialista (PSdeG), Gonzalo Caballero, lamentou na xornada de hoxe que Galiza estea á "cola de España" en canto ao número de rastrexadores e rastrexadoras da Covid-19 e tamén nas axudas ao sector da hostalaría en relación ao resto de territorios do Estado español.

"Fai falta unha resposta eficaz e suficiente desde a Xunta", recalcou Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa ofrecida na segunda feira, na que lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo empezou anunciando 6.152 persoas rastrexadoras que despois "reduciu até as 700", mentres que o titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, se segue negando a facilitar os datos, aseguraba Caballero.

Ademais, o líder dos socialistas apuntou que os datos do Instituto Carlos III reflicten que na Galiza se descoñece a orixe de "dous de cada tres positivos", co que non se pode conter a propagación da Covid-19.

"Estamos cunha política de rastrexo errática e desnortada", subliñou Gonzalo Caballero. Outra "carencia" na que Núñez Feixoo ten que rectificar, na opinión de Caballero, é no relativo ás axudas directas aos sectores máis afectados polas restricións.

"Aínda non hai un só negocio na Galiza que recibise un euro pese a que Feixoo fechou a hostalaría nun total de 60 concellos hai xa 20 días", censurou o secretario xeral do PSdeG.

Así mesmo, Gonzalo Caballero comparou o total de 16 millóns de euros comprometidos polo presidente da Xunta para unhas axudas que aínda non se materializaron cos 40 millóns de euros consignados por Euskadi para o mesmo fin ou cos 30 millóns da comunidade murciá.

"Fai falta un plan de maior dimensión, porque a hostalaría está afogada", quixo pór de manifesto.

Comentarios