POLÍTICA

Caballero critica que Feixoo "segue fuxido" do Parlamento e PP ve "sorprendente" o seu "descoñecemento"

Gonzalo Caballero puxo de manifesto que o presidente da Xunta "incumpriu" o seu acordo para comparecer cada 15 días na Cámara galega diante da excepcionalidade da situación pola suspensión das eleccións do 5 de abril e desde o PP alegan que a nova convocatoria electoral deixa sen efecto o pacto asinado por todos os grupos parlamentares. 
Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Pleno no Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario).

"Feixoo segue fuxido do Parlamento porque non quere dar contas dos seus recortes na sanidade pública, da súa xestión nas residencias de maiores e da súa inacción en política económica para acompañar ás traballadoras, ás autónomas e ás pequenas e medianas empresas do país".

Así se pronunciou esta quinta feira o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para evidenciar que o presidente da Xunta "incumpre" o acordo polo cal debe comparecer na Cámara galega cada 15 días

Segundo o pacto asinado por todos os grupos parlamentares para manter a Cámara "activa" durante o estado de alarma, a pesar de estares disolta polo adiamento das eleccións, Alberto Núñez Feixoo debería terse sometido ao control parlamentar onte, nunha nova reunión da Deputación Permanente que non chegou a convocarse. 

"Feixoo amosa unha vez máis o que vale a súa palabra", asegurou Caballero na súa denuncia dos feitos, que foron rebatidos desde o Partido Popular, que salienta que é "totalmente falso" que non se teña cumprido o acordo asinado entre todos os grupos.

O PP alega que o documento recolle que "a Deputación Permanente manterá unha reunión semanal durante o tempo previsto para o período de sesións ordinario do Parlamento". Desta maneira, xustifican que ao convocar as eleccións para o 12 de xullo "finaliza o período de sesións".

"Resulta sorprendente e preocupante o descoñecemento que amosa o secretario xeral das socialistas galegas do funcionamento do Parlamento da Galiza", sinalan nun comunicado desde o grupo parlamentar do PP.

As populares celebran que desde que se decretou o estado de alarma a Cámara galega "mantivo unha actividade extraordinaria atopándose disolta" e presumen das moitas accións realizadas nel: "sobre todo se comparamos coas reunións celebradas noutros parlamentos, e especialmente no de Euskadi, que se atopa nunha situación de Parlamento disolto igual á da Galiza".

"Na Galiza, a oposición puido controlar a través da Deputación Permanente ademais de ao presidente da Xunta, a 8 das 11 conselleiras", asevera o PP, malia que Feixoo, tal e como lembrou hoxe Gonzalo Caballero, compareceu en dúas ocasións na Cámara galega desde que estallou a crise do coronavirus, e unha delas foi após a sinatura do acordo entre todos os grupos.

"Sorprende ademais a visión da democracia que ten o candidato socialista, porque nas democracias parlamentares cando se convocan unhas eleccións o protagonismo do debate corresponde á cidadanía", manifesta o PP, que con esta convocatoria electoral dá por rematada a "situación excepcional" do Parlamento, que ficara disolto polos comicios do 5 de abril, "que foi a que motivou o acordo dos grupos".

Comentarios