O PSdeG carga contra a "xestión caótica" da sanidade e pide dimisións

Álvarez denuncia unha "voadura controlada" do sistema público de saúde.
O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, considera que a sanidade galega está nunha situación de "voadura controlada" a raíz da "xestión caótica" da que responsabiliza o Goberno galego.

Álvarez reclamou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que obrigue a quen ten por baixo e, en concreto, á xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela-Barbanza, Eloína Núñez, a que asuma as súas responsabilidades ante o goteo de dimisións en xefes de servizos e protestas dos médicos.

O portavoz da formación socialista no Hemiciclo relatou algúns dos últimos acontecementos relativos á sanidade, como a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra o Sergas pola carga de traballo do persoal facultativo, que "vén confirmar o que levamos alertando desde hai anos", das "consecuencias do desmantelamento do servizo público".

Para o parlamentario socialista é "hora de que se tomen medidas eficientes" e que o conselleiro "demostra autoridade para tomar medidas". "Ou se non, en primeira persoa", avisou Luís Álvarez, quen engadiu  que "o sistema sanitario público da Galiza non é do Partido Popular, é dos galegos e galegas".

"Curmá de Feixoo"

Así as cousas, e nunha aclaración a preguntas dos medios, o portavoz parlamentario socialista dixo que a xerente da área sanitaria de Santiago "debe presentar a súa dimisión pola súa incapacidade manifesta".

Neste sentido, Álvarez recoñeceu que hai "un problema político para o PP, con certas connotacións familiares", xa que a xerente da área sanitaria é a curmá do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios