O goberno 2019-2023 estará estruturado en nove áreas

PSdeG e BNG selan o acordo para cogobernar a Deputación da Coruña

photo_camera Xosé Regueira e Bernardo Fernández deron a coñecer o contido do acordo

PSdeG-PSOE e BNG veñen de asinar o acordo marco alcanzado entre ambas formacións políticas para conformar de novo un goberno de coalición na Deputación da Coruña para o mandato 2019-2023. Os portavoces dos grupos provinciais do PSOE, Bernardo Fernández, e BNG, Xosé Regueira, presentaron os detalles dun acordo que dá continuidade ao último mandato (2015-2019) e no que se comprometen a “profundizar nunha decidida política de delimitación de funcións da Deputación da Coruña, axustándoas ao seu estricto marco competencial” e a “impulsar a maior transferencia de recursos económicos aos pequenos e medianos concellos”.

O acordo recoñece os logros acadados no anterior mandato, "cunha transformación radical do funcionamento” da institución e seguirá tendo como prioridades “corrixir desequilibros territoriais” e fomentar “a igauldade de todos os concellos na prestación de servizos básicos, con criterios obxectivos e transparentes” e “priorizando a implantación de servizos de forma cooperativa e de carácter supramunicipal”.

Ademais, o texto formula “o inicio dun proceso de negociación coa Xunta de Galiza  sobre infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deben ser transferidos á comunidade autónoma”. Nesta liña, PSdeG e BNG anuncian a realización dun estudo das estradas provinciais, catalogándoas segundo as súas características, para iniciar despois un proceso de transferencia de determinados viais á Xunta e aos concellos.

“Combater o despoboamento” e “corrixir os desequilibrios territoriais” serán dous dos eixes transversais da acción do novo goberno, no que se pulará tamén por levar adiante unha serie de medidas programáticas como son potenciar as estruturas de cooperación e apoio técnico aos concellos para a obtención de fondos europeos e subvencións, limitar ao 4% o orzamento destinado a subvencións nominativas , rematar o cambio de modelo de servizo de extinción de incendios para convertelo nun auténtico servizo público e cumprir coa Lei de Memoria Histórica, entre outros.

Nove áreas de goberno

O acordo inclúe tamén unha proposta de organización para o vindeiro goberno provincial, que volverá estar presidido polo socialista Valentín González Formoso e contará cunha única vicepresidencia a cargo do nacionalista Xosé Regueira Varela.

A Xunta de Goberno estará composta por doce membros, oito do PSdeG-PSOE e catro do BNG e estabelécese a creación de nove áreas de goberno:  Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior; Benestar e Educación; Promoción Económica e Asistencia a Municipios; Cooperación, Plans Provinciais, Turismo e Patrimonio Histórico e Cultural; Vías e Obras Provinciais; Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística; Deporte e Mocidade; Contratación, Patrimonio e Equipamentos e Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostíbel. 

Comentarios