PSdeG, BNG e Galicia en Común suspenden a campaña na Mariña

Ante o rebrote de coronavirus.

Viveiro, na Mariña
photo_camera Viveiro, na Mariña

Galicia en Común anunciou esta quinta feira que suspendía o mitin que tiña previsto en Ribadeo e un acto con Xosé Manuel Beiras, esta fin de semana, en Viveiro. Na mañá desta sexta feira o BNG anunciaba que suspendía a campaña na comarca do norte galego para o 12-X e pouco despois o PSdeG informaba de que seguía o mesmo camiño e cancelaba os seus actos na Mariña.

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, sinalou que "por responsabilidade política e social diante do rebrote" decidiron suspender a campaña. "Esiximos transparencia cos datos, información á veciñanza e claridade nos protocolos para garantir a seguridade sanitaria". 

O candidato á Presidencia da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á "responsabilidade" dos cidadáns e asegurou que a súa formación "extremará todas as medidas" de seguridade polo que non realizará actos nesta zona.

A candidata nacionalista, Ana Pontón, preguntou ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feixoo, "onde está o protocolo do Goberno da Xunta para afrontar un rebrote que está a ser moi importante". "Onde está o plan do Goberno ante un rebrote da pandemia na Mariña, cando estamos a falar dunha cuestión de saúde dos galegos", cuestionou Pontón, quen dixo que Feixoo "tivo catro meses para facelo".

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros doce casos positivos de persoas afectadas por covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 59 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.


 

Comentarios