70,5% de apoio para a Executiva de Sánchez, con Pilar Cancela como integrante

O PSdeG aumenta a súa representación no Comité Federal do PSOE

A delegación galega ficou "tremendamente satisfeita" co desenvolvimento do 39 congreso federal do PSOE, afirmou Pilar Cancela. A presidenta da xestora do PSdeG é a flamante secretaria de Políticas Migratorias e do PSOE do exterior, como integrante da nova Executiva federal que lidera Pedro Sánchez.

34994230490_959646e7d3_z
photo_camera Un aspecto do congreso

O PSdeG vai ter máis peso numérico no máximo órgao do PSOE entre congresos, o Comité Federal. A súa cota pasa de 11 a 13 membros.

En concreto, no Comité Federal eran catro os dirixentes que debían ser relevados -o eurodeputado José Blanco, a concelleira da Coruña Mar Barcón, a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e a propia Cancela (ao pasar á executiva)-. As súas vacantes serán ocupadas por Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; Valentín García Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Diego Taibo, concelleiro en Culleredo e portavoz da plataforma de apoio a Sánchez durante as primarias; ben como Gonzalo Caballero, o líder sanchista que conseguiu derrotar Abel Caballero no seu feudo de Vigo.

Como queira que a representación do PSdeG aumenta nese órgao, alén dos catro relevos, prodúcense dúas altas novas, as da pontevedresa Maica Darriba e a integrante da xestora do PSdeG Bibiana Iglesias.


Aliás, o rosto do PSdeG na dirección federal será sen dúbida o de Pilar Cancela quen non só estará na Executiva, senón mesmo tamén na permanente.

Fica pendente a cuestión de se esta promoción orgánica de Cancela a afastará da carreira nas primarias do PSdeG, sendo que o líder do partido ten enfatizado que non quere baróns territoriais na dirección federal. Fontes do PSdeG dixeron a Sermos que non existe ningún impedimento regulamentar para Cancela estar ou non nesa carreira, e que en todo caso a decisión a tería que tomar ela propia.

Quen si aparece na dirección é Gonzalo Caballero, nome que aparecerá con toda probabilidade na campaña das primarias para disputar o liderado do partido na Galiza. Caballero non conta coa confianza de Cancela.

70,5 por cento de apoio a Sánchez

O 39 Congreso entronizou Sánchez como novo líder e outorgoulle 70,5 por cento de apoios á súa proposta de dirección. A nova Executiva do PSOE ficou aprobada con 647 votos a favor, 274 papeletas en branco -a dos máis afíns a Susana Díaz- e 8 sufraxios nulos.

Máis en POLÍTICA
Comentarios