O PSdeG alerta da "falta de recursos" da Xunta para a contratación de socorristas

Demanda ao Goberno galego que tome medidas en materia de Política Social ante a "incompetencia manifesta" da conselleira.
A deputada socialista Paloma Castro durante un pleno na Cámara galega.
photo_camera A deputada socialista Paloma Castro durante un pleno na Cámara galega.

A portavoz de Interior do grupo socialista, Paloma Castro, alertou da "falta de recursos" por parte da Xunta para a contratación de socorristas que, asegurou, "pon en risco un servizo vital" para os concellosNunha nota de prensa, o PSdeG explicou que a deputada socialista levará unha pregunta oral á última sesión plenaria antes do verán para reclamarlle ao Executivo galego "vontade política" para colaborar cos municipios e garantir a contratación de socorristas. 

Tal e como advertiu Paloma Castro, os concellos "só poden aspirar a unhas axudas máximas de 40.000 euros", cando localidades como O Grove ou Vigo, exemplificou, "gastan 200.000 e 400.000 euros respectivamente cada ano para contratar socorristas". Sinalou tamén que os consistorios locais xa están "asfixiados" polas competencias que a Xunta "lles descarga sen garantir partidas orzamentarias". Ademais, reprochou a "tardanza" na convocatoria das axudas que, segundo explicou, se convocaron coa tempada de verán xa iniciada, o que obrigou ás entidades locais a "asumir elas o pagamento deste servizo sen saber que contías percibirían".


Xestión política e social

Por outra parte, a secretaria de Política Social da Executiva do PSdeG, Margarita Martín, esixiu ao presidente da Xunta unha "reacción política urxente" tras o último informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais e que, na súa opinión, supón unha "emenda á totalidade" da xestión da Xunta en Política Social. Segundo explicaron os socialistas nunha nota de prensa, este informe sitúa a Galiza "á cola" no desenvolvemento de Servizos Sociais, "só por encima de Murcia e Cantabria e empatada con Madrid.

Para a responsábel da Executiva do PSdeG, a cidadanía da Galiza "non merece" ser tratada como "de segunda". Nesta liña, aseverou que esta é a consecuencia de "15 anos de desmantelamento do Estado de Benestar polos gobernos do PP" e a súa "desatención sistemática ás persoas máis vulnerábeis". 

Neste contexto, Margarita Martín pediu a Alfonso Rueda que tome medidas ante a "incompetencia manifesta" da responsable de Política Social e "sitúe dunha vez as políticas sociais e as persoas no centro da acción de goberno". Por todo iso, esixiu ao Executivo autonómico que "deixe de confrontar co Estado" e "constrúan" un Plan de choque para construír "un novo sistema de coidados" que pasa por "deixar de privatizar a atención ás persoas que máis o necesitan".

Comentarios