Caballero advirte dos efectos negativos dunhas terceiras eleccións

PSdeG acusa o PP de "perder o sentido de Estado"

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou onte o Partido Popular de "perder o sentido de Estado" coa súa posición que "imposibilita unha investidura" do "partido gañador" nas pasadas eleccións xerais.

 

Gonzalo Caballero no Parlamento da Galiza (Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero no Parlamento da Galiza (Europa Press)

Caballero sinalou que está "en risco" o avance da ultradereita polos pactos entre o PP e Vox e que estamos ante un "debate sesgado" provocado por unha "dereita cainita" que impide a formación dun Goberno progresista que tome as medidas necesarias para Galiza.

O estatuto das electrointensivas, facerlle fronte aos efectos do Brexit e manter os progresos sociais como a suba das pensións e do salario mínimo interprofesional son os puntos clave que, segundo o discurso do líder socialista, están a afectar a Galiza pola falta dun Goberno con plenas funcións.

O candidato dos socialistas galegos reivindicou a súa formación como "a barreira contra a ultradereita" que, nas súas palabras, supón "un ataque directo ao Estatuto de Autonomía da Galiza e ao seu autogoberno".

Nesta liña, Caballero apuntou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo,"ten que lle dicir aos seus que por responsabilidade teñen que apoiar un Goberno progresista para Galiza". "Feixoo, que tanto fala de centralidade, ten que amosar que é un gobernante centrado e rexeitar os pactos coa ultradereita", insistiu.

O tamén portavoz socialista no Parlamento da Galiza advertiu de que co "bloqueo" á investidura do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, o Estado está "abocado a unhas terceiras eleccións". Por isto, Caballero instou os populares a actuar con "sensatez e responsabilidade" para que "haxa un Goberno do partido que gañou as eleccións" pois considerou que outros comicios "non beneficiarían á sociedade española nin galega".

Co fin de evitar outro proceso electoral no Estado, Caballero cargou de novo contra Feixoo instándoo a "dar instrucións" e "convencer" os seus compañeiros de partido para que permitan a formación do Goberno froito do pacto entre o PSOE e Unidas Podemos.

Pola súa banda, o portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, concedeu que a falta de Goberno "non resulta tranquilizadora" e escudouse na posición expresada polo presidente da Xunta de que non hai nada que facer "se non hai un Goberno alternativo a este". "Se o contexto fose outro, falaríamos", dixo.

"Cada un ten que asumir a súa responsabilidade e o PP asumiría a súa se Sánchez fixese como Raxoi e propuxera unha coalición PP-PSOE", destacou Puy.

Comentarios