O PSdeG acusa á Inés Rey de facer un só pago ao partido que coincidiu coa destitución de Martínez Acón

As enemistades dentro do grupo municipal socialista non eran ningún segredo nos ámbitos máis locais, pero agora saen á luz debido ao cruce de acusacións derivado da marcha de Eva Martínez Acón do Goberno local da Coruña.
EuropaPress_2664935_vicesecretario_xeral_psdeg_diputado_congreso_coruna_pablo_aranguena-1
photo_camera O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena. (Foto: Europa Press)

No medio do conflito xurdido na Coruña pola destitución da edil Eva Martínez Acón, a dirección do PSdeG insistiu esta sexta feira en que o primeiro pago da rexedora, Inés Rey, ao partido desde que está no cargo coincidiu no tempo co cese da súa compañeira.

Rey aludiu á falta de compromiso co traballo de Martínez Acón para afastala do seu goberno, mais a afectada explicou que esta decisión viña dada porque pedira que se aboasen as cotas pendentes co PSOE.

Hoxe, o vicesecretario xeral do partido, Pablo Arangüena, informou nun escrito de que si se deben pagos e o primeiro da alcaldesa foi de “300 euros” esta mesma semana.

O número dous do PsdeG, próximo ao núcleo socialista ao que pertence Martínez Acón, sostén que a cantidade abonada "non cobre as achegas que lle corresponden após 16 meses de dedicación ao seu cargo".

No mesmo documento que mandou á agrupación local, Arangüena subliña “a data de hoxe, seguen existindo achegas pendentes por parte de concelleiras e concelleiras da Coruña, incluíndo casos nos que aínda non se realizou ningún ingreso”.

“Todos os cargos públicos teñen a obrigación de cumprir coas súas achegas económicas desde o seu nomeamento e no tempo en que desenvolven as súas funcións”, lembrou o representante do PSdeG.

Aliás do puramente económico, este cruce de acusacións pon de relevo o enfrontamento que existe entre distintas vertentes da formación política, mesmo no seo do Executivo local.

Era de sobra coñecido que hai diferenzas entre as e os agrupados con secretario xeral Gonzalo Caballero e aquelas persoas que apoian á dirección do PSOE na Coruña. As leas veñen desde antes das eleccións municipais, cando houbo certas tensións para conformar a lista que concorrería pola cidade.

Comentarios