O PSdeG acusa a Feixoo de usar as institucións “en función dos seus intereses”

O anuncio de que o Debate do Estado da Nación será durante este mes de setembro, emitido este sábado pola Vicepresidencia da Xunta, non gusta á oposición. Para Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, é unha nova mostra de como Feixoo emprega as institucións “en función dos seus intereses”.
interparlamentaria PSdeG
photo_camera Deputadas e deputados do PSdeG no Parlamento de Galiza, no Congreso español e na Eurocámara. En primeira fila, no centro, o secretario xeral Gonzalo Caballero. Foto: PSdeG.

O secretario xeral dos socialistas percibe “unilateralidade” na decisión do Goberno galego, á falta de que a Mesa do Parlamento fixe a data concreta. “O seu proxecto político está esgotado”, sinalou ao cabo dunha xuntanza das deputadas e deputados do partido no Hórreo, no Congreso e na Eurocámara, “ao longo destes tres anos de lexislatura non tomou ningunha decisión importante para resolver os problemas dos galegos”.

Caballero engadiu que o PSdeG está preparado para o último Debate do Estado da Nación e foi moi crítico cos populares. “Feixoo non vive máis que poara disgustos”, dixo, “cada vez que falaron os galegos [nas urnas] quitáronlle apoio”. Nas pasadas xerais e europeas, o Partido Socialista foi por primeira vez a forza máis votada na Galiza.

“Ten desfeitas electorais, pelexa con Álvarez de Toledo, pelexa con Baltar, ten problemas por todas partes”, sinalou, “Galiza merece algo máis ca un presidente dedicado a buscar a súa promoción dentro do Partido Popular”.

Nos últimos días, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo interveu reiteradamente na discusión política estatal en defensa dunha coalición entre PP e PSOE para o Goberno central. Con esta idea que rexeita Pablo Casado, Feixoo procura ademais estreitar a marxe de manobra de Gonzalo Caballero, acabado de incoporar ao Parlamento de Galiza como portavoz do agora primeiro partido da oposición, tras a ruptura de En Marea.

Comentarios