O PSdeG abre o proceso de elaboración das candidaturas municipais

Os socialistas esperan ratificar antes do 15 de xaneiro a todos os candidatos nas localidades de máis de 20.000 habitantes e o resto antes do 25 de marzo.
Francisco Rodríguez será o candidato do PSdeG á alcaldía de Ourense (Foto: Rosa Veiga).
photo_camera Francisco Rodríguez será o candidato do PSdeG á alcaldía de Ourense (Foto: Rosa Veiga).

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, anunciou este sábado a apertura do proceso de elaboración das candidaturas municipais coas que o partido se fixa o obxectivo de gobernar a máis da metade da poboación da Galiza.

O representante do PSdeG aludiu á súa formación como “o partido que mellor xestiona os Concellos galegos”, desde as 110 alcaldías e as tres presidencias das deputacións que ostenta "gobernando para case 55% da poboación galega".

“Somos conscientes de que estamos nun momento diferente ao 2019”, dixo sobre as anteriores municipais, mais remarcou que o compromiso dos socialistas é seguir gobernando dende os Concellos a máis da metade dos galegos e galegas.

Nunha rolda de prensa ofrecida na sede central do PSdeG, Laxe Tuñas tamén puxo en valor a recuperación para a primeira liña de Francisco Rodríguez, a quen aludiu como “o mellor alcalde de Ourense dos últimos 20 anos”, así como un “gran referente para a xente progresista” da cidade das Burgas e o único que reúne as cualidades para que a cidades “mire cara adiante e sexa capaz de saír do pozo” no que estivo metida nos últimos mandatos.

Laxe Tuñas tamén puxo en valor “a xenerosidade” amosada por todas as partes para que Francisco Rodríguez sexa de novo aspirante á alcaldía de Ourense, e sinalou que é a garantía para a cidade “sexa capaz de saír do pozo” no que está metida.

“Apostamos por Paco Rodríguez porque entendíamos que era a mellor resposta á permanente demanda de todos os sectores económicos e sociais de Ourense”, engadiu o secretario de Organización do PSdeG, que agradeceu que a propia candidatura renunciara “á súa cómoda posición persoal” para pór por diante os intereses da cidade, do mesmo tempo que aplaudiu “a xenerosidade” amosada pola dirección local do partido para poñerse todos a disposición dunha candidatura competitiva.     

Acto de reparación

Laxe Tuñas lembrou que Francisco Rodríguez “foi sometido a unha inxustiza”,  coa persecución dun procedemento xudicial agora arquivado, e sinalou que a súa figura e a súa honorabilidade “debe ser reparada”. E a súa elección como candidato en Ourense “é o primeiro acto de reparación”, subliñou.

Agregou que Francisco Rodríguez foi sometido “á arbitrariedade, á persecución e á  inxustiza” durante unha década, e iso “non vai contar co silencio do PSdeG”. Coa designación de Rodríguez como candidato en Ourense, o PSdeG "demostra que pon por riba os intereses xerais” do partido e da cidadanía ourensá fronte “calquera aspiración lexítima” que puideran ter outros aspirantes á alcaldía.

O PSdeG traballa así, insistiu Laxe Tuñas, "para confeccionar as mellores listas, para ratificar antes do 15 de xaneiro a todos os candidatos nas localidades de máis de 20.000 habitantes e para ratificar o resto antes do 25 de marzo".

Comentarios