Protesta en Compostela contra a visita da raíña española

Letizia Ortiz presidiu nun centro da capital galega a apertura do curso de Formación Profesional 2020/2021.

Concentración contra a visita da raíña Leticia en Compostela. 
photo_camera Unha imaxe da protesta contra a visita de Letizia (Foto: Arxina)

Amplo despregamento policial na zona de Camiño Novo e Santa Marta en Compostela. O motivo, a presenza da raíña española, Letizia Ortiz, no Politécnico da capital galega para inaugurar o curso 2020/21 de Formación Profesional.

O alumnado deste centro compostelán tivo que gardar longas ringleirase para pasar controis de seguridade para acceder ás instalacións educativas que ía visitar a raíña.

Mentres, a escasos metros, e fronte o Hotel Peregrino, grupos de mozos e mozas concentrábanse para protestar contra a monarquía española e defender a “República Galega”.

Bandeiras galegas e tamén algunha republicana española entre berros de “Avante, sen tregua, República Galega” ou “Fóra, fóra, fóra a monarquía española” ou “España é a nosa ruína”.

Galiza Nova de Compostela-Ordes convocara a concentración, baixo o lema “Galiza non ten rei”.

A principios do pasado mes de decembro, Galiza Nova convocara en Tui unha mobilización contra a presenza do rei español, Felipe VI.

A organización considera que "este é un réxime totalmente inxusto, que mantén á súa cabeza unha institución totalmente anacrónica e que nos condena á dependencia do estado español", tal e como ten expresado en comunicados. 

"A nosa dependencia é a causante de ter os salarios máis baixos, de que non poidamos expresarnos libremente na nosa lingua, de que as mozas galegas non poidamos ter proxectos de vida dignos e en definitiva de que as nosas condicións de vida sexan peores", denuncian.

Comentarios