Prevención, formación e protección contra a violencia machista

As forzas políticas piden máis recursos após as cifras de mulleres asasinadas e aquelas que acoden aos tribunais para denunciar.

Perante a cifra de mulleres asasinadas pola violencia machista no que vai de ano na Galiza --seis, segundo os dados oficiais; 44 no conxunto do Estado español-- e das que, en situación de violencia, acudiron ao Xulgado especial de Vigo --máis de 6 mil en catro anos-- conversamos coas portavocías de Igualdade dos grupos parlamentares. 

Carme Adán (BNG), Carmen Iglexias (GMixto), Eva Solla (AGE), Carmen Acuña (PSOE) e Rosa Oubiña (PP) valoran en conversa con Sermos Galiza a información publicada esta semana no xornal en papel. As tres forzas políticas coinciden en reclamar "máis recursos" para combater a violencia contra as mulleres. Asemade subliñan que estes non se centren "só no plano xudicial" senón tamén no "educativo" e mesmo na información que se difunde nos medios de comunicación sociais. 

Rosa Oubiña (PP): "Os recursos nunca son suficientes"

Porén, as forzas da oposición critican a "relaxación" que houbo "nas políticas de igualdade", nos últimos anos, o que volveu "fortes" as "prácticas machistas", asegura Carme Adán, entre a mocidade, mais non só. Así mesmo, sitúan a "falta de implicación da administración" na situación que atinxe a milleiros de mulleres na Galiza. "Por moito que neguen os recortes mesmo en prevención a realidade é teimuda", asegura Eva Solla quen lembra os testemuños recollidos durante esta lexislatura na Comisión parlamentar non permanente para o seguimento da lexislación en materia de violencia machista.

Feminicidio

As asasinadas "escandalizan", di Carmen Iglesias quen sitúa a "orixe" do problema en "non afrontar a realidade dos malos tratos de maneira transversal" e si como "algo secundario". Porén, embora coincidiren en que vivimos unha realidade de "alarma", afirma Carmen Acuña, o certo é que a resposta política e social está a ser practicamente nula. 

Carmen Iglesias (GpMixto): "A orixe disto está en non afrontar a realidade dos malos tratos como unha cuestión transversal"

En dous meses foron asasinadas en Vigo 4 mulleres e "a sociedade mira para outro lado", di Iglesias. "Fai falta un cambio total a comezar polo espazo educativo e combater o feminicidio". 

Ese concepto xurídico, e político, é o que o BNG propón incorporar na lexislación através do Estatuto da Vítima, algo que desde o Partido Popular rexeitan por atribuír a contextos diferentes ao galego --e mesmo ao europeo-- circunscribíndoo unicamente a realidades como a Latinoamericana, a comezar por México, onde foi acuñado por Marcela Lagarde

"Queremos que a concepción da violencia machista vaia máis alá do ámbito da parella e da exparella", afirma a deputada nacionalista Carme Adán. Pola súa banda, desde o PSOE non coidan prioritario mudar a lexislación ou mesmo a estratexia de loita contra a violencia machista. "Urxe desenvolver de maneira acaída as leis que existen", asegura Carmen Acuña. "Modernizalas, incluír cousas que fagan falla mais non mentres goberne o PP". 

Carme Adán (BNG): "Isto non é unha lacra, é a consecuencia do machismo"

Rosa Oubiña, portavoz de Igualdade do Partido Popular no Pazo do Hórreo asegura que "a Xunta é sensíbel" ao que está a acontecer e salienta que "nunca se adoptaron tantas medidas como nestes anos" para combater o que define como unha "lacra social horríbel" que se remonta a "tempos inmemoriais". Termos que rexeita polo Bloque Carme Adán, "isto non é unha lacra, é a consecuencia do machismo". 

De igual maneira, desde AGE, a deputada Eva Solla entende que o que se está a facer "é insuficiente". "Somos conscientes de que non imos rematar coa violencia nen co patriarcado nunha lexislatura" mais cómpren, di, medidas que garantan que "non sexa gratis asasinar mulleres". 

Unha labor que corresponde aos tribunais de xustiza, entre eles os específicos en violencia de xénero como o de Vigo. A súa xuíza titular, Paz Filgueira, denunciaba en Sermos Galiza, a carencia de recursos e a negativa do TSXG a asignar reforzos que permitan facer fronte aos entre 3 e 5 casos que diariamente entran no tribunal. 

Eva Solla (AGE): "Por moito que neguen os recortes mesmo en prevención a realidade é teimuda"

Neste senso, as forzas da oposición coinciden en sinalar o discurso da xuíza. Porén, desde o Partido Popular rachan unha lanza en favor da decisión do TSXG quen "terá que determinar se é o máis urxente" en función, di Oubiña, "dos recursos disponíbeis nunha vindeira solicitude". A voceira popular de Igualdade recoñece que é "lexítimo" e "lóxico" que Filgueira reclame máis pois "os recursos nunca son suficientes". Así as cousas, acrecenta, "a loita contra a violencia de xénero non é só xudicial" senón que constitúe unha "carreira de fondo". 

Porén, desde o BNG preguntarán ao goberno galego sobre a situación na que se atopan os xulgados especiais e tamén aqueloutros ordinarios a respeito da violencia contra as mulleres, avanza Carme Adán. 

Así mesmo, desde o PSOE "pedimos, entre outras moitas cousas, que se poña en marcha un protocolo de actuación" para aqueles casos en que a muller decide retirar a denuncia" á fin de que a xustiza "non se desentenda". 

Tamén, reclaman "formación", unha demanda na que coinciden todas as forzas da oposición e que fan extensíbel para alén da xustiza ao ámbito sanitario e tamén policial. 

Comentarios