Propostas da Xunta ao Plan anticrise enerxética: Rueda insta o Goberno estatal a non renunciar á enerxía nuclear

A Xunta da Galiza remitiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico as súas propostas para o plan de continxencia e medidas enerxéticas que o Goberno estatal elevará á Unión Europea.

As enquisas debuxan unha caída na valoración de Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta (Foto: Europa Press)

Entre outras medidas, que expón nun documento de 22 folios remitido a última hora desta cuarta feira e ao que tivo acceso Europa Press, o Executivo que dirixe Alfonso Rueda propón potenciar enerxías renovábeis (como a eólica mariña) sen renunciar mentres ás tecnoloxías actuais (como a nuclear ou térmica), diversificación tecnolóxica e desenvolvemento de infraestruturas, xunto con medidas que palien as posíbeis perdas na industria -evitar fechamentos ou deslocalización-.

Ademais de apostar por aproveitar os fondos europeos para poder estabelecer axudas encamiñadas a facilitar a adquisición de aparellos máis eficientes tanto por particulares como por pemes, a Xunta, que pide destinar fondos a campañas de concienciación, defende como unha das cuestións principais que as medidas de continxencia sexan "obrigas" só para as administracións públicas, "as primeiras que deben dar exemplo", e "recomendacións" para as familias e empresas.

A Xunta defende instar as Administracións públicas a adoptar medidas con carácter de urxencia e promover medidas orientadas a familias, pemes, autónomos e industria: reducións fiscais; incrementar as axudas aos fogares máis vulnerábeis, apoios ao tecido empresarial e fomentar medidas que eviten a diminución ou paralización da actividade que xa se está observando na Galiza en determinados sectores industriais (electrointensivas e coxeración).

Tamén aposta por impulsar incentivos para a mellora da eficiencia enerxética en industrias con alta demanda de enerxía e que, en caso de ter que reducir o consumo enerxético á industria, alcanzar un acordo coa UE para a concesión de axudas estatais e activar no Estado mecanismos de compensación para evitar o fechamento e a deslocalización de empresas.

Eólica mariña

O Goberno de Alfonso Rueda di apostar polo impulso das enerxías renovábeis para reducir a dependencia do gas ruso, á vez que baixar a factura da electricidade a fogares e empresas.

Neste aparto, defende axilizar e simplificar administrativamente iniciativas vinculadas a proxectos de enerxías renovábeis de autoconsumo, así como a coordinación coas comunidades para a tramitación dos proxectos eólicos, compatíbeis co territorio.

Tamén apunta á aprobación de plans de ordenación da eólica mariña que sexan compatíbeis coa actividade mar-industria e a sustentabilidade ambiental e a activación de fondos europeos para o impulso das renovábeis na industria para 2023. Así mesmo, reclama mecanismos de axuda e incentivos a grandes proxectos de almacenamento enerxético.

Sen renunciar á nuclear

Contribuír á diversificación tecnolóxica é outro dos aspectos que recolle o documento enviado ao Goberno estatal, co obxectivo, sinala a Xunta, de "frear a dependencia do gas (especialmente do procedente de Rusia)".

Neste sentido, especifica medidas como aproveitar todas as capacidades tecnolóxicas existentes, de forma que "até que a xeración eléctrica en España non sexa 100% renovábel", non se renuncie ás tecnoloxías actuais (nuclear, térmica...) ao poder contribuír a baixar o prezo da factura a curto prazo.

Ademais, aposta por mellorar as interconexións, non só co resto de Europa, senón tamén na Península Ibérica: construción do hidroduto Guitiriz-Zamora e terceira conexión Galiza-Norte de Portugal.

Finalmente, a Xunta pide que o Goberno estatal desenvolva unha política enerxética "de acordos con aliados de España", con especial atención a Alxeria, respecto diso advirte que "as últimas decisións diplomáticas deterioraron esta posición preferente en detrimento doutros países europeos".

Comentarios