A proposta da CRTVG para o debate electoral afástao dos horarios de máxima audiencia

O plan de cobertura da CRTVG para as eleccións estatais sitúa o debate electoral no informativo matinal o 8 de novembro a partir das 10.00 horas, cunha reposición na segunda canle do ente público, de menor audiencia que a principal. BNG e Galicia en Común anunciaron que recorrerán ante a Xunta electoral provincial o plan de cobertura informativa
Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]
photo_camera Imaxe do debate electoral das eleccións do 28 de abril [Imaxe: TVG]

A CRTVG vén de achegar ao Parlamento a súa proposta de cobertura das eleccións estatais do10 de novembro. Nela, o debate electoral ocupa o espazo das 10.00 horas a sexta feira 8 de novembro, unha franxa afastada do prime time, cunha repetición na TVG2, de menor audiencia que a canle principal.

O ente público porá o foco nos partidos políticos que obtiveron representación na convocatoria de abril polas circunscricións galegas. Entón o PSdeG obtivo 10 escanos, o PP 9, En Común-Unidas Podemos 2 e Ciudadanos tamén 2. A maiores, incluirase na cobertura ao BNG pola súa condición de “forza política significativa”, atendendo os seus resultados nos comicios locais, cando obtivo 12,47% dos votos.

O debate electoral

O informativo matinal da televisión pública “Bos Días” acollerá a sexta feira, 8 de novembro, o debate electoral a partir das 10.00 horas. Dous días antes da cita electorais, pero moi lonxe do horario do “prime time” e coincidindo cunha gran parte das xornadas laborais. Terá unha duración aproximada dunha hora e volverase retransmitir ese mesmo día na TVG2 “e horario de máxima audiencia”. A segunda canle da televisión pública obtivo en maio de 2019 un 0'8% de cota de pantalla, segundo datos de Kantar Media, lonxe do 10.1% da canle principal nese mesmo mes.

No debate participarán candidatas ou candidatos  das forzas políticas con representación no Congreso polas circunscricións galegas: PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos. O BNG tamén contará con representación, dada a súa condición de “forza política significativa”. A orde de intervención arrancará co PSdeG, seguido do PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e, por último, do BNG. A segunda volta realizarase coa orde inversa. Unha vez iniciado o debate, segundo indica a corporación, os tempos non serán marcados e será o moderador “quen vele polo equilibrio das intervencións”.

A campaña nas pantallas e nas ondas

Alén do debate electoral, o ente o público realizará unha cobertura completa de toda a campaña electoral nos telexornais do mediodía e do serán. A duración da información diaria axústase aos resultados obtidos na cita electoral de abril, con espazos destinados a emitir “as mensaxes electorais que difundan as forzas políticas, incluíndo información específica da campaña electoral tanto da Galiza como de España”.

O ente público realizará unha cobertura especial dos actos de apertura de campaña, que terán lugar o 1 de novembro, así como no feche, o 8 de novembro. Ademais emitirá unha programación específica durante a xornada electoral. A canle pública ofrecerá unha enquisa sobre os resultados unha vez pechen os colexios electorais.

A Radio Galega tamén emitirá programas especiais de apertura e peche de campaña e na xornada electoral. A maiores entrevistará os candidatos e candidatas das forzas políticas con representación e máis o BNG.

A páxina web da corporación, crtvg.gal, tamén contará cun seguimento específico da campaña electoral. Nela estarán dispoñíbeis as entrevistas realizadas pola Radio Galega, o debate organizado pola corporación e, no día da xornada electoral, a emisión a tempo real dos resultados dos comicios.

BNG recorre: "Cada vez é menos televisión da Galiza e cada vez é máis teleFeixóo”

O BNG decidiu presentar un recurso ante a Xunta electoral provincial da Coruña contra o plan de cobertura da CRTVG relativo ás eleccións ao Congreso e ao Senado do 10 de novembro. A formación nacionalista entende que nun proceso electoral á cidadanía ten dereito a maior información e contraste das alternativas políticas porque, como recolle a propia lei do ente público, este ten entre as súas finalidades “contribuír á formación dunha opinión pública informada”.

Para a formación nacionalista estamos perante "unha proba máis do control e da utilización partidista que o Goberno do PP fai dos medios públicos, convertidos nun gabinete de comunicación bis do Executivo de Feixóo, cunha manipulación abafante a favor do PP". “A TVG é cada vez menos televisión de Galiza e cada vez máis teleFeixóo”, sintetizou o coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela.

Galicia en Común denuncia: "O plan vulnera brutalmente os dereitos da cidadanía"

Pola súa banda, fontes de Galicia en Común anuncian que os seus estudos xurídicos están estudando "tanto o contido do plan como a xurisprudencia da Xunta Electoral Central e das Xuntas Electorais Provinciais, así como os plans de cobertura do resto de televisións autonómicas do Estado, para formalizar un recurso con garantías de gañar e de obrigar á CRTVG a repoñer a legalidade". A proposta do ente público, salientan, "vulnera brutalmente o dereito da cidadanía galega a ter cumprida información sobre as propostas de formacións políticas no período electoral, así como os principios máis básicos do pluralismo ideolóxico, político, social e cultural da Galiza que, como organismo público, a CRTVG está obrigada a defender".

A formación denuncia que a televisión pública non inclúa na súa proposta "entrevistas coas candidatas, nin un debate en horario de audiencia". Sinalan a posíbel cobertura como "unha burla intolerábel ao dereito das cidadás galegas a formarse unha opinión propia sobre a ofecta electoral".

Comentarios