Felipe Lubián, alcalde de Lubián (Seabra): "A proporción de galegofalantes na Galiza é moi inferior á de Lubián"

Na Galiza estremeira encóntrase Lubián (Seabra, Castela e León), un concello onde o galego goza de moi boa saúde e no que a veciñanza presume con orgullo de conservar a cultura dos seus antepasados e legala ás súas crianzas. Nós Diario conversa sobre a realidade deste municipio co seu alcalde, Felipe Lubián. 
A gaita, a música e a lingua son as paixóns de Felipe Lubián (Foto: Nós Diario)
photo_camera A gaita, a música e a lingua son as paixóns de Felipe Lubián (Foto: Nós Diario)

Quen acceda á web do concello de Lubián atopará o saúdo do seu alcalde en galego, onde subliña o seu orgullo de pertencer á Galiza estremeira. Mais como se atopa a lingua e cultura galegas entre a veciñanza?

As cousas foron mudando. Cando era neno todos os rapaces de Lubián falabamos galego, menos os fillos dalgúns gardas civís, que ao final acababan falando galego tamén. Logo, cando os da miña xeración saímos estudar fóra, a Zamora, os pais empezaron a falar en castelán aos fillos pequenos, pensando que sería mellor, aínda que entre o matrimonio falasen galego. 

Dos 306 veciños do concello, máis de 80% somos galegofalantes

Con todo, actualmente, dos 306 veciños do concello, máis de 80% somos galegofalantes. O resto adoitan ser fillos de persoas que se estabeleceron aquí a mediados do séculos pasado polas obras do ferrocarril, mais á maioría deles,  se lles falas en galego responden tamén na mesma lingua. Creo que na Galiza, a proporción de galegofalantes é moi inferior á nosa. 

Como promoven a lingua desde o Concello?

Nos anos 80 e 90 o Consello da Cultura Galega e a Xunta levábanme a dar conferencias sobre o galego estreimero, había un investimento público nesta materia. Agora xa hai tempo que non se fai. Tamén iniciamos o contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística e, naquela altura, sendo xa alcalde [Felipe Lubián accedeu á Alcaldía en 1979], tamén era director do colexio, e puxemos en marcha a revista Entre Nós, onde estudantes escribían en galego a pesar de non teren aulas nesta lingua. Tamén introducía nas clases lecturas de literatura xuvenil galega. 

En 1995 accedín ás Cortes de Castela e León e presentei iniciativas para que o galego se impulsase na Galiza estremeira

Tempo despois, en 1995, accedín ás Cortes de Castela e León e presentei iniciativas para que o galego se impulsase na Galiza estremeira, xa que ademais o BNG a finais dos 90, con motivo da reforma do estatuto de Castela e León, introduciu no debate no Congreso unha emenda que se aprobou para que o galego fose obxecto de respecto e protección naqueles lugares en que se falaba. 

Ao aparecer isto no estatuto, comecei a facer proposicións non de lei para que se impartisen cursos de lingua para adultos -foi rexeitado- e para que se impartise galego nas escolas e institutos nestes territorios. Isto si saíu adiante aínda que tiven que aceptar unha emenda que introducía o galego cunha ou dúas horas semanais, mais non como materia propia, senón a través doutras, impartindo, por exemplo, dúas horas á semana de Coñecemento do Medio en galego. 

E no Concello, baseándome nese artigo do estatuto (actualmente o artigo 5.3), presentei unha moción que se aprobou por unanimidade para que o galego fose cooficial en Lubián. 

  Aquí as rúas conservan a toponimia en galego que sempre tiveron e os coches do Concello levan un colante que di: Lubián, o teu concello. Eu son un entusiasta da miña cultura, do que falaban meus pais e avós. 

Ademais a cultura galega está moi presente nas festas de verán, algo que en moitos concellos da Galiza non acontece.

Si, de feito en 2005 iniciamos concertos en agosto con grupos folk galegos, o primeiro que actuou aquí foi Quempallou. Logo transformamos o evento nun festival folk e rock.

Veu Carlos Núñez, que xuntou 4.000 persoas -e a nosa banda de gaitas tocou con el e logo aínda nos levou tocar nunha actuación del a Barcelona-, e tamén viñeron Luar na Lubre, Berrogüetto... e no campo do Rock quen máis actuou neste festival foron os  Ruxe-Ruxe. Este ano non o faremos pola pandemia xa que atrae miles de persoas, mais si agardamos retomalo para o seguinte ano. 

Para podermos ver a  TVG segue pendente que haxa un convenio que aínda non o hai

—Bota en falta atención da Xunta da Galiza ás zonas en que se fala galego alén das fronteiras actuais galegas?

Se o galego está na escola de Lubián ou na Escola de Idiomas é por aquelas proposicións que realicei, mais para formalizalas a Xunta da Galiza non se achegou a estas zonas galegofalantes, senón á Xunta Castela e León para asinar un convenio entre ambas as Administracións. Ao comezar con convenios dese tipo tamén se puxo en marcha a colaboración para compartir servizos como so sanitarios, de feito a veciñanza das Portelas temos o Hospital de Verín para consultas externas e urxencias, pois este queda a 20 minutos, mentres que o de Zamora está a unha hora e media.

Mais boto en falta que se hai unha programación desde a Xunta da Galiza sobre o Camiño, con actuacións musicais, non cheguen nunca a aquí. Ademais, para podermos ver a TVG segue pendente que haxa un convenio que aínda non o hai.  

Un concello que negociou coas eólicas

Felipe Lubián recorda que cando chegou á Alcaldía, o Concello tiña que pagar polos montes unha cota da Seguridade Social Agraria dun millón de pesetas ao ano, malia o orzamento municipal ser de 800.000 pesetas. Acumulaban débeda que tamén afectaba á veciñanza, que vía os terreos baixo perigo de embargo.

Entón foron declarando os montes veciñais en man común e cando varias empresas quixeron instalar parques eólicos o Concello non lles puxo a alfombra vermella, senón que as fixo negociar. O rexedor salienta como lograron que as compañías pagaran impostos como o IBI, que non tiñan pensado asumir, e fixeron que o canon empresarial fora para as comunidades veciñais.

Cos impostos ás eólicas, o municipio pasou de ter 200 mil euros de orzamento a un millón, sendo o concello con máis renda per cápita por habitante de Zamora. Os impostos ás eólicas empréganos para actividades culturais, fomentar a lingua ou para construír a residencia pública de maiores que proximamente inaugurarán.

Comentarios