Propoñen a creación de equipas multidisciplinares de profesionais para desconxestionar a Atención Primaria

O BNG aposta por activar integramente a carteira de servizos para aliviar o persoal médico de familia e resolver o colapso das listas de agarda. Demandan ademais un plan de recursos humanos e recalcan que si hai alternativas fronte á non substitución de profesionais ou aos fechamentos de centros de saúde polas tardes

A deputada do BNG Montserrat Prado presentou iniciativas para desconxestionar a Atención Primaria
photo_camera A deputada do BNG Montserrat Prado presentou iniciativas para desconxestionar a Atención Primaria (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou iniciativas no Parlamento galego para achegar solucións á situación de “deterioro” en que, denuncian, está a Atención Primaria e que, segundo a portavoz nacionalista de Sanidade, Montse Prado, “vén de lonxe a consecuencia dos recortes levados a cabo polo PP durante os últimos 12 anos, mais que ficou ao descuberto con toda a crueza coa pandemia e, agora, coa chegada do verán, os problemas vense agravados”.

“Fronte á inacción do Goberno do PP”, Prado indica que é posíbel articular alternativas e facelo no curto prazo, polo que no paquete de medidas rexistradas na Cámara, o BNG propón a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria das categorías imprescindíbeis para “prestar unha atención integral e descolapsar as listas de agarda”, entre as que Prado cita as e os profesionais de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social, logopedia ou podoloxía, e que, segundo recalca, “hai moitas e moitos nas listas de contratación”.

Nesta liña, tamén avoga por pór en marcha a carteira de servizos de todas as categorías de Atención Primaria (enfermaría, fisioterapia, psicoloxía, matronas...), tal e como recolle a Lei 44/2003 de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), que lles permite ter, como persoal cualificado, capacidade e autonomía “para exercer a súa propia carteira de servizos de forma autónoma e así desconxestionar as axendas de medicina de familia e contribuír a unha mellor calidade asistencial”.

A deputada nacionalista considera prioritario e urxente que a Xunta elabore xa un plan de recursos humanos “para rematar coa política de precariedade e explotación na contratación” e ofertar contratos dignos que eviten a marcha de profesionais “ben cara á sanidade privada, ben ao estranxeiro”. “É inaceptábel que só 30 dos 70 profesionais que realizaron o MIR de Familia se incorporen á Atención Primaria”, exemplifica.

Prado advirte das protestas que se están a multiplicar por todo o país exixindo solucións e, neste sentido, reproba a actitude do Executivo galego que, na contra de corrixir políticas erradas, “non só non está a rectificar, senón que, polo contrario, persiste en non substituír persoal, en fechar centros de saúde pola tarde ou, en concellos turísticos con aumento de poboación no verán, xa non é que non reforce persoal, que sería o normal, senón que o reduce drasticamente”.

A portavoz nacionalista de Sanidade cualifica de “letal” a posición do PP de “non facer nada” e alerta das súas consecuencias: “doentes desatendidos; a non continuidade da asistencia, porque cada día son atendidos por unha ou un profesional distinto; listas de agarda de semanas para a atención telefónica e presencial; e persoal esgotado”. “O PP ten que deixar de mentir aos galegos e ás galegas ao dicirlles que nada se pode facer, porque si hai alternativa e no curto prazo”, conclúe. 

Comentarios