Profesoras galegas apoian un manifesto para unha revisión federal da Constitución

“Se foi posible modificar a Constitución para recoñecer o dereito de sufraxio pasivo de quen ostentan a cidadanía europea ou para estabelecer unha nova regra de déficir, con maior razón deberiamos poder reformar a Constitución de 1978 en sentido federal”. Este é o corazón do manifesto Renovar o pacto constitucional, promovido por significativos profesores universitarios do Estado. Entre eles, varias galegas e galegos.
 

Javier Pérez Royo
photo_camera O catedrático Javier Pérez Royo, un dos impulsores do manifesto. Foto: Laura R. Cuba.

Antón Losada, Ramón Máiz, Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes, Nieves Lagares, Ramón López Facal, Álex Alonso Nogueira, María Xosé Agra, Marilar Aleixandre, Lourenzo Fernández Prieto, Antón Baamonde, Xermán Labrador, Inma López Silva ou Ramón Villares son algunhas das sinaturas deste documento, publicado no diario dixital Público. Nel percíbese o pensamento xurídico doutro dos seus impulsores, o catedrático andaluz de Deretio Constitucional Javier Pérez Royo. Para este, a sentenza do Constitucional 31/2010 contra o Estatut catalán rebentou os acordos implícitos e explícitos polos que o Estado español rexía a súa pluralidade nacional interna.

“Esta sentenza descoñeceu un pacto que se sitúa no corazón da Constitución de 1978”, indica Renovar o pacto constitucional, “a saber: as comunidades históricas aceptan que carecen de poder constituínte (nunca terían unha constitución propia como nos estados federais) e, en troques, os Estatutos de Autonomía aprobados por maioría absoluta das Cortes non poderían aplicarse se non eran previamente refrendados polo pobo da comunidade autónoma destinataria de cada un deles”.

A dicir do manifesto, a doutrina do Tribunal Constitucional en resposta ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP “ao recorrer un estatuto aprobado pola maioría absoluta do parlamento que representa o pobo español e votado favorabelmente pola cidadanía de Catalunya, dinamitou ese acordo esencial”. Eis “a orixe máis inmediata do actual conflito con Catalunya”.

En calquera caso, o texto non se refire unicamente á situación catalá, senón que busca “unha proposta constitucional inclusiva que asegure a concordia e ofreza estabilidade e seguridade para unha xeración”. “As reivindicacións nacionais catalás, vascas, galegas ou doutros territorios con demandas de carácter identitario non deben entenderse como unha ameaza á democracia española nin á unidade do Estado”, di, “senón como aspiracións lexítimas dunha parte da cidadanía libremente expresadas nunha sociedade plural e democrática que deben ser atendidas por todos e entre todos, procurando acomodos que non violenten a convivencia en común”.

“Somos moitos os que cremos que é posíbel renovar o pacto constitucional dentro dun espírito de concordia, sen humillacións, sen vencedores nin vencidos”, sintetiza as súas intencións o documento, que fai referencia á sentencia do Tribunal Supremo canadiano sobre o conflito de Quebec, “somos moitos os que cremos que é posíbel, como noutras democracias dos nosos días, avanzar cara unha 'unión' en que estean todos, mediante un proxecto político federal, en que o respecto á diferenza sexa unha fortaleza que a todos nos iguale”.

Comentarios