Profesionais do Centro de Investigación Agrarias reclaman fondos e alertan do “Gaiás” do rural que proxecta a Xunta

O persoal do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo denuncia que a Xunta gasta dez millóns no "espello" do rural en Quián ao tempo que desmantela un proxecto público "punteiro". A pasada terza feira reuníronse con todos os grupos da oposición para trasladarlles a súa situación.
Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (Imaxe: Wikimedia)
photo_camera Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (Imaxe: Wikimedia)

Granxa Experimental de MontelosA finais da década dos 70 naceu o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), un espazo dedicado á investigación pública desde o agro galego e para o agro galego. O seu xérmolo é case un século anterior e estaba localizado na parroquia de Monelos, na Coruña. Onde hoxe hai asfalto funcionou unha granxa agrícola experimental, desde 1888 e até 1964, dedicada á mellora e tecnificación do campo galego. A Monelos débelle Galiza a raza rubia galega ou o cultivo autóctono de lúpulo empregado na fabricación da primeira cervexa local.

As instalacións de Monelos abarcaban arredor de 16 hectáreas; as de Mabegondo 350. Co crecemento da Coruña a granxa agrícola experimental foi trasladada e, case setenta anos despois, investigadoras do CIAM denuncian que a Xunta está a desmantelar a súa herdeira. A día de hoxe a metade dos postos de investigación están sen cubrir. A preocupación do persoal pola falta de investimentos virou indignación cando a Xunta anunciou a construción do ‘Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galiza no pazo de Quián’, en Sergude. O seu orzamento ascende a dez millóns de euros. Paralelamente, “as necesidades dos centros públicos de investigación agraria da consellería están desatendidas”, denuncian desde. Con ese mesmo orzamento poderíase sufragar a carreira profesional de 12 investigadoras especializadas.  

O persoal do CIAM debulla unha década de “insuficiente dotación de fondos económicos, incapacidade na xestión dos recursos conseguidos en convocatorias públicas de investigación ou de impagos a provedores de bens e servizos”. En Quián a Xunta quere construír un ‘espello’ do rural, mais o seu reflexo chega desde Mabegondo inzado de gretas.

A primeira xeración do CIAM

Teresa Moreno pertence á segunda xeración de investigadoras do CIAM. Por teléfono describe a Sermos Galiza a súa historia: “O centro foi unha iniciativa do Banco Mundial. Nos 70 escolleuse un grupo de persoas, que se formaran nas facultades de Enxeñería Agrónoma ou de Veterinaria en Madrid, e concedéuselles unha bolsa para estudar en centros internacionais de referencia en investigación de produción animal e vexetal”. Tras rematar as súas teses regresaron cos coñecementos na mochila, chea tamén de proxectos. Moreno elaborou a súa propia ao seu carón: “Son froito do seu labor”.

Xose Luís ‘Mini’ Rivas, deputado do BNG, valora as achegas daquela xeración. “Investigaban desde o público. Todo ese coñecemento revertía despois no campo galego a través dos centros comarcais agrarios, por exemplo”, conta. Labregas e labregos aplicaron novas técnicas para combater as pragas ou de ensilado. Moreno incide en que os seus intereses do CIAM “non responden aos das grandes multinacionais”.

As investigacións do CIAM non responden aos intereses das grandes multinacionais, di Moreno

As liñas de investigación do centro compiten para recibir axudas. “Deste xeito captamos fondos. Para formar equipos é preciso persoal altamente cualificado, que desenvolven os proxectos colaborando con empresas do agro e da gandaría. Somos un centro pioneiro, é un luxo contar con tantas hectáreas de terreo e cabezas de gando. Temos destacado co recoñemento estatal e internacional”, explica Moreno. O abono destas pescudas atópase nos coñecementos acumulados no centro nas últimas catro décadas.

Temporeiras na investigación

Moreno lamenta que o contexto laboral das investigadoras da segunda e posteriores xeracións reflicte “a filosofía de investigación da Administración”. As pioneiras do CIAM eran funcionarias públicas. Ela, pola súa banda, chegou no 2000 da man dunha bolsa predoutural e, tras rematar a súa tese, accedeu a outra para un contrato pos doutoral. “Tras a presentación da tese debiamos pasar por unha avaliación, de ser positiva significaba que o oposto consolidábase. Mais en 2012, co argumento da crise, a Xunta deunos a noraboa e pechounos a porta”.

Moreno pasou tres anos traballando en Ourense, despois accedeu a unha nova axuda do Ministerio de cinco anos de duración. O pasaporte de volta a Mabegondo. A investigadora acusa a temporalidade e mobilidade das investigadoras que, tras desenvolver distintas labores no CIAM, marchan. “Hai liñas de investigación que foron pechando, unha vez que acontece é moi difícil reabrilas”.

Hai liñas de investigación que foron pechando, unha vez que acontece é moi difícil reabrilas, di Moreno

A súa denuncia cobra máis relevancia no marco máis amplo: entre 2010 e 2014 o Galiza perdeu 1.404 investigadoras. En 2018 o gasto en I+D representou na Galiza 0,94% do Produto Interior Bruto, lonxe da media de 1,24% do Estado español. A falta de investimentos non só repercute nas investigadoras. “Tamén nos técnicos que traballan nos laboratorios, nos capataces ou peóns que traballan co gando. É como un dominó, todas as pezas seguen a caída da primeira”, describe Moreno.

A custodia das sementes galegas

Cando a Consellaría de Medio Rural anunciou que o pazo de Quián transformaríase no novo ‘espello’ do rural galego engadiu que acollería o Banco de Xermoplasma de conservación de especies autóctonas do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo. A decisión foi criticada polo persoal do centro. “Isto pon en serio risco a conservación do mesmo, impedindo calquera actuación de mellora, posta en valor e utilización deste material xenético autóctono para enfrontar os novos desafíos dos cultivos á pragas e enfermidades, así como á procura de resistencia aos cambios ambientais que conleva o cambio climático”, denuncian. Cultivos en Mabegondo (Imaxe: CIAM)

“O banco de xermoplasma garda sementes procedentes de distintos tipos de cultivo de millo, de froiteiras, de pratenses ou de hortícolas”, explica a investigadora do CIAM Teresa Moreno. “Isto non significa que as sementes estean gardadas en botes nunha cámara frigorífica. Cada certo tempo as sementes teñen que plantarse para que conserven o seu poder xerminador. Ademais, son empregadas nas investigacións do centro, no que se traballa co cruce de distintos tipos de cultivo”, engade.

Para a investigadora o traslado do banco de sementes, a súa inserción nun “escaparate" turístico do rural, implica o incumprimento do convenio de diversidade biolóxica que a Administración galega ou a estatal asinaron en 1992”. “Inutilízase deste xeito o patrimonio natural da Galiza”, incide. Moreno explica que o traslado do banco de sementes supuxo “a gota que colmou o vaso” para o persoal.

Contra o ‘Gaiás’ do rural

Os deputados Óscar Vilar, do PSdeG, Xosé Luís Rivas do BNG e Davide Rodríguez, do Grupo Mixto, visitaron as instalacións de Mabengodo a pasada semana para escoitar ao seu persoal. Esta terza feira as investigadoras levaron as súas reclamacións ao Parlamento, no que se reuniron con todos os grupos da oposición. “Queremos denunciar a falta de interese da Xunta e o desmantelamento da investigación pública”, explica o deputado do Grupo Mixto Davide Rodríguez a Sermos Galiza. O conselleiro de Medio Rural, Xosé González, no pazo de Quián (Imaxe: Xunta de Galiza)

“Non paro de ler como se abren novos centros ou se refan outros, pero sen o persoal que empregue a tecnoloxía que se compra esta non serve de nada”, denuncia Moreno. O persoal do CIAM compara o espello que quere construír a consellaría de Medio Rural en Quián cun "Gaiás" rural: un contedor baleiro de contido.

Comentarios