As retribucións extraordinarias no Concello de Mos, no punto de mira: complemento de produtividade ou "sobresoldo"?

O BNG mosense urxe explicacións á alcaldesa, Nidia Arévalo, pola repartición dos complementos salariais de produtividade entre o persoal da Administración local, que considera "sobresoldos a familiares e militantes do PP". Esta é unha crítica compartida polas outras forzas da oposición, PSdeG e GañaMos, e un informe do interventor do Concello alerta tamén dun "agravio comparativo" entre traballadores debido á falta de "uniformidade nas contías estabelecidas e nos criterios para a súa concesión".
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na recente presentación das obras do complexo sociosanitario do Rebullón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na recente presentación das obras do complexo sociosanitario do Rebullón. (Foto: Concello de Mos)

O complemento de produtividade é unha remuneración extraordinaria recollida na Lei do emprego público da Galiza e o real decreto 861/1985, que estabelece o réxime de retribucións do persoal da Administración Local. Está destinado, tal e como recolle o artigo 5 deste texto legal, "a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese e iniciativa con que o funcionario desempeña o seu traballo". Isto debe determinarse con base en "circunstancias obxectivas relacionadas directamente" co emprego e obxectivos de cada persoa traballadora.

Porén, esta gratificación ten sido obxecto de críticas en numerosas ocasións por mor da súa arbitrariedade, pois o mesmo decreto delega no alcalde ou alcaldesa de cada municipio a distribución desta contía, polo que adoita falarse dela como "sobresoldo" para o persoal público. No Concello de Mos (comarca de Vigo), estas 'produtividades' son cuestionadas desde as forzas da oposición, que urxen explicacións ao Goberno de Nidia Arévalo (PP) por unha repartición que consideran "sospeitosa".

Dos perto de 90 traballadores e traballadoras públicas da Administración local, apuntan desde o grupo municipal do BNG, "só 17" percibiron o complemento de produtividade en 2022 —cifra semellante á de anos anteriores—, con contías que van desde os 400 até os 6.533 euros. E sobre este último caso —que levou 20% dos 32.968 euros totais asignados por produtividade— pon o foco o Bloque, que indica que o beneficiario é irmán dun concelleiro 'popular'. Sumando as anualidades de 2021 e 2020, este funcionario obtivo até 11.633 euros perante esta gratificación extraordinaria. "É algo totalmente discrecional", afirma en declaracións a Nós Diario o portavoz nacionalista, Gustavo Barcia. Arévalo e o edil en cuestión "deben explicalo" diante da corporación, asegura.

Gustavo Barcia (BNG): "A produtividade xustíficase con frases baleiras que se repiten, como "desempeñou o seu traballo con especial rendemento"

O edil precisa que, se ben estes complementos salariais están amparados pola lexislación vixente e son "formalmente legais", tamén son "cuestionábeis eticamente". Aliás, a xustificación dos mesmos baséase en "frases baleiras" que se repiten nos diferentes decretos asinados pola rexedora, como "desempeñou o seu traballo con especial rendemento", "debido á cantidade de traballo realizado", "especial interese e actividade extraordinaria para poder levar a cabo as tarefas encomendadas" ou "realizando as tarefas fóra do horario habitual de traballo".

"Ano tras ano repítese o mesmo", censura Barcia, que lembra que este complemento "non equivale a horas extra" —se ben en moitos casos "coincide con elas", pois o groso destas contías adoita concederse entre os meses de decembro-xaneiro e xuño— e, tal e como dispón a regulamentación actual, "non debería ser un complemento periódico", senón extraordinario. Porén, desde o grupo nacionalista acusan o Concello de "repartir de maneira inxustificada entre membros da Executiva local do PP e familiares directos do equipo de goberno" o que non dubidan en denominar "sobresoldos municipais".

Victoria Alonso (PSdeG): "A actitude do PP é inxusta para o resto de funcionarios"

Na mesma liña apunta a voceira do PSdeG-PSOE de Mos, Victoria Alonso, tamén en conversa con este xornal: "Esta situación non é nova, pois ano tras ano hai nomes que se repiten constantemente nesas gratificacións que dependen de Alcaldía. Está a secretaria da alcaldesa, que é funcionaria pero tamén membro dun comité local do PP, a responsábel de prensa, un funcionario que é irmán dun concelleiro...".

"A realidade", afirma Alonso, é que estas remuneracións constitúen "un extra para a xente do PP", perante unha produtividade extraordinaria nos seus postos de traballo "que tampouco está xustificada por unhas horas extra nin se chegan a valorar". "Simplemente a Alcaldía fai unha asignación a dedo", sostén. "Vímolo denunciando todos os partidos ano tras ano, porque a actitude do PP é inxusta para o resto de funcionarios, que non reciben un trato igualitario. Nós pedimos que en todos os ámbitos se trate toda a cidadanía por igual", insiste.

Roberto Carlos Rodríguez (GañaMos): "Medran as 'produtividades' dun traballador ao tempo que medra tamén o orzamento e o tempo destinados ao seu departamento para realizar o traballo"

Desde GañaMos, o concelleiro Roberto Carlos Rodríguez cuestiona que un destes traballadores públicos, irmán dun membro da corporación, vise incrementada nos últimos anos a súa contía correspondente ao complemento de produtividade —que se presupón xustificada por unha dedicación superior á inicialmente prevista— mentres, de forma paralela, medraron tamén os recursos, "tanto o orzamento como o tempo dedicado", destinados ao seu departamento, encargado do servizo de roza no municipio.

E pon o foco nesta cuestión, afirmando que o Concello soe "licitar os contratos á baixa, co mínimo", polo que, ao verse obrigado logo a aumentalos, ocasiona un "gasto incontrolábel". "Este goberno opera así", asevera, e ao igual que o resto da oposición, se ben matiza que "hai casos nos que o funcionario ten que realizar un traballo extraordinario que hai que remunerar", tamén ve un PP "partícipe dunha política de favoritismo".

Sumando as 'produtividades' destes tres últimos exercicios, en segunda posición, con 9.031 euros, figura a responsábel do gabinete de prensa da alcaldesa, "un posto designado a dedo", salienta o nacionalista Gustavo Barcia. E o terceiro máis beneficiado neste período é o xefe da Policía Local, que obtivo desde 2020 un total de 8.500 euros a través deste concepto retributivo.

O interventor alerta: "Hai un agravio entre traballadores"

E en relación co caso desta última persoa, un informe do Interventor do Concello presentado en xuño pasado —ao que tivo acceso Nós Diario— sinala que nos últimos orzamentos "volve aprobarse a concesión dun complemento de produtividade a un funcionario do departamento de Policía que vén percibindo produtividades de xeito reiterado". Entenden desde Intervención que "se está recollendo o pago dunha gratificación encuberta baixo a denominación de produtividade" pola cal manifestan a súa "desconformidade".

"O complemento de produtividade non está destinado a retribuír o posto de traballo, senón á concorrencia de determinadas circunstancias, demostrativas do especial rendemento e dedicación. Trátase pois dun complemento subxectivo e individual recoñecido a un funcionario", detalla o informe, que lembra tamén que as 'produtividades' deberían "ter presente a aplicación de criterios o máis obxectivos posíbel na asignación individualizada dos mesmos, debéndose aplicar os mesmos criterios a todas as situacións e para todos os traballadores municipais".

A xuízo do Interventor, cómpre tamén que o pleno da corporación municipal estabeleza un "sistema obxectivo de cuantificación económica" deses criterios, a fin de que "situacións semellantes se retribúan do mesmo xeito" e evitando, así, "diferenzas de trato ao persoal" perante o complemento de produtividade.

Un informe de Intervención sinala que "non hai uniformidade nas contías estabelecidas nin nos criterios para a súa concesión", o que deriva nun "agravio comparativo entre os propios traballadores"

Este mesmo documento subliña unha das principais cuestións denunciadas pola oposición mosense: "Non hai uniformidade nas contías estabelecidas nin nos criterios para a súa concesión", o que produce, asegura, "un agravio comparativo entre os propios traballadores". "Convén advertir que o complemento de produtividade non pode ter carácter reiterativo", engade, ao tempo que pon o foco na falta de xustificación desas remuneracións, instando Alcaldía a precisar "as tarefas específicas nas que se entende que se dá cumprimento aos criterios fixados polo pleno para a asignación da produtividade, así como os criterios de cuantificación concreta dos mesmos".

Un extracto do informe de Intervención de xuño de 2022.
Un extracto do informe de Intervención de xuño de 2022.

Nas listas de 'produtividade', inciden desde BNG, PSdeG e GañaMos, destacan tamén con importantes retribucións integrantes da última candidatura de Arévalo, en 2019, e da anterior (2015), así como familiares seus e doutros membros, actuais ou antigos, do grupo municipal do PP de Mos. Outro é, sinalan, un funcionario que se encargou de expedientes relacionados coa Cidade Deportiva Afouteza do Real Club Celta. E abondan, reiteran, "casos de persoas de confianza ou afíns" ao Goberno local.

Ao feche desta edición non foi posíbel obter unha valoración desde o Concello de Mos, preguntado tamén por Nós Diario sobre estas críticas vertidas desde a oposición.

Comentarios