O 'procés', no seu ponto máis crítico após a CUP vetar os orzamentos do Govern

A alianza soberanista entre Junts pel Sí e a CUP está a piques de pasar a mellor vida. A formación anti-capitalista resolveu esta terza feira non se mover da súa decisión inicial de apresentar unha emenda á totalidade aos orzamentos do Govern. A hipótese das eleicións antecipadas está xa sobre a mesa.

CUP
photo_camera Dirixentes da CUP

Non hai marcha atrás da CUP. A decisión previa do Consello Político da formación anticapitalista de apresentar unha emenda á totalidade aos orzamentos -na práctica, de os vetar, pois Junts pel Sí está en minoría no Parlament- foi refrendada esta terza feira nunha reunión in extremis dos órgaos executivos cupaires. A resolución foi adoptada por só tres votos de diferenza: 29 a prol de manter a emenda á totalidade, 26 en contra e 3 abstencións.

A entente entre a plataforma de Convergència Democrática de Catalunya e ERC e a CUP sempre foi quebradiza. Permitiu no seu momento a investidura de Carles Puigdemont após a renuncia de Artur Mas e concretizouse nun plano de desconexión de España que en teoría se sustanciaría nun prazo non superior aos 18 meses. Mais o certo é que a alianza pode estar a piques de saltar polos aires, ao non superar un trámite sen o cal -a aprobación dos orzamentos no Parlament- tórnase imposíbel levar adiante un proxecto político desde o goberno digno de tal nome.

A resolución foi adoptada por só tres votos de diferenza: 29 a prol de manter a emenda á totalidade, 26 en contra e 3 abstencións

Sen orzamentos, o Parlament abócase á súa disolución e Catalunya ás súas terceiras eleicións desde 2012. O procés ficaría polo camiño, coa rotura de pontes entre Junts pel Sí e a CUP, e o que se abriría como escenario alternativo ben verosímil sería un acordo entre a formación anti-capitalista e En Comú Podem, a forza que xa ficou como máis votada nas xerais do 20D e que parte como favorita para revalidar a súa condición o 26 de Xuño.

A CUP non dá por morto o procés

A decisión da CUP trascendeu por volta das 23 horas desta terza feira. NacióDigital.Com informa aínda de que a CUP -por boca dun portavoz do seu secretariado- non dá por morto o procés: “Pasar o que pasar, o procès continúa”. O voceiro anti-capitalista enfatiza que o acordo con Junts pel Sí é só sobre a “declaración de ruptura” e a “desconexión” con España e, portanto, non é vinculante en relación coas políticas económicas, fiscais ou orzamentarias.

Comentarios