Prisión para un dos catro independentistas mentres o resto continúan incomunicados

Foi enviado á prisión de Soto del Real, imputado polos delitos de integración en organización terrorista e tenza de explosivos. Os outros tres detidos aínda pasarán na cuarta a disposición xudicial

A Audiencia nacional española vén de decretar prisión provisional para Carlos Calvo Varela, un dos cinco independentistas detidos esta fin de semana en Vigo e Compostela. Após resolver sobre M.R.G., que foi posto en liberdade sen cargos xa no serán do domingo, "despois de ser acusado policial e mediáticamente de terrorista", segundo denuncia o colectivo antirrepresivo Ceivar, o xuíz do tribunal español Pablo Ruz enviou a prisión a Calvo.

O independentista, xornalista de profesión e membro do consello de redacción do Novas da Galiza --ao igual que o tamén preso político Antom Santos--, está imputado por un delito de integración en organización terrorista e por outro de tenza de explosivos. Foi enviado ao cárcere español de Soto del Real.

Os outros tres mozos detidos na madrugada do domingo, X.R.O., D.S.M. e H.M.G., aínda pasarán na cuarta feira a disposición xudicial, polo que fican incomunicados en prisión preventiva. Sobre esta situación, o Observatorio para a defensa dos dereitos e as liberdades Esculca enviou na segunda feira un escrito ao Xulgado de instrución número 5 da Audiencia española exixindo que se levantase o réxime de detención incomunicada para os catro galegos, lembrando que foi criticado por diversos organismos internacionais, Nacións Unidas entre eles, ao o considerar "unha forma de maltrato inadmisíbel nun estado de dereito".

Nesta liña, Esculca solicitou para os presos a aplicación do Protocolo Garzón, que comprende un sistema de supervisión mediante a gravación en video dos centros de detención e das salas de interrogatorio. Así mesmo, contempla un exame médico d@ detid@ por parte dun profesional da súa confianza, para alén da posibilidade de recibir visitas de familiares. O paso da teoría á práctica con este protocolo non se deu aínda. Un dos detidos, X.R.O., denunciou xa no momento do arresto que axentes da gardia civil bateran nel entrementres procedían ao rexistro da súa vivenda.

Comentarios