MUNICIPAIS2015

A campaña electoral arranca marcada polas irregularidades de PP e PSOE

A Xunta Electoral abre expediente sancionador contra o PP de Amoeiro por tentar “manipular o voto” de anciáns. Multa ao PSOE de Vigo por utilizar dependencias do Concello para facer campaña "dos seus logros".


A campaña cara os comicios municipais do 24 de maio só acaba de comezar, pero as Xuntas Electorais xa tiveron que actuar. Este sábado, o organismo supervisor de Ourense decidiu abrir un expediente sancionador contra dúas representantes do PP no concello ourensán de Amoeiro por “tentativa de manipulación do voto” nunha residencia de anciás.

Responsábeis do centro e dous residentes explicaron que as dúas persoas -unha candidata popular e outra irmá dun candidato- apertaron unha anciá “dependente e con mobilidade reducida” para que lles delegase o seu voto por correo. As dúas sancionadas son traballadoras do servizo municipal de axuda na vivenda. Días antes, segundo a denuncia, tentaron convencer a varias persoas usuarias do servizo. 

Segunda multa para Abel Caballero

A Xunta Electoral de Vigo multou con 3.000 euros ao alcalde Abel Caballero por vulnerar a normativa de uso das instalacións públicas durante a campaña. O candidato socialista celebrou en dependencias do Concello dous encontros con persoas maiores e con colectivos sociais coa motivación de “valorar os logros do seu goberno”, segunda a maxistrada. É a segunda campaña consecutiva que sancionan ao líder do PSOE de Vigo. Nas pasadas eleccións, foi multado con 400 euros por inaugurar unha rúa fóra de prazo.

O goberno de Santiago fai campaña na web do concello

En Santiago, a Xunta Electoral obrigou a retirar unha noticia da páxina web do Concello. Segundo a denuncia recollida por Efe, o goberno municipal do PP utilizou un medio público para “facer ostentación dos logros obtidos”, coa promoción dunhas obras e unha campaña para o comercio local, “que non se limita a proporcionar unha información de interese xeral”. 

O PP de Ferrol iniciou antes a pegada

Ademais, a Xunta Electoral de Ferrol tramita un expediente sancionador tamén contra o PP local, por comezar a pegada de propaganda electoral unha noite antes do arranque da campaña.

Comentarios