luns 25/10/21

As primeiras deputadas volven ao Parlamento

Unha xornada lembra no pazo do Hórreo experiencias de igualdade.
As protagonistas da xornada de igualdade no Parlamento (Europa Press)
As protagonistas da xornada de igualdade no Parlamento (Foto: Europa Press)

O Parlamento da Galiza acolleu esta segunda feira a xornada 'Catro décadas de autogoberno. A igualdade, un camiño sen retorno', unha iniciativa reuniu tres das primeiras deputadas galegas e tamén mulleres de relevancia no mundo da empresa, da ciencia e do deporte.

Como primeiras parlamentarias participaron María del Carmen Lovelle Alén, da primeira lexislatura (por Alianza Popular); Rosa Gómez Limia, da segunda lexislatura (PSdeG-PSOE); e María Pilar García Negro, da terceira lexislatura (BNG).

Na súa intervención Carmen Lovelle remarcou a necesidade de acabar cos "prexuízos" sobre as mulleres e contar coa "coeducación", baixo a advertencia de que ás veces as leis "van por diante" da propia sociedade e non se consegue nesta trasladar a igualdade lexislativa.

"Os prexuízos son unha discriminación, es discriminada cando estanche prexulgando", advertiu e puxo como exemplo unha muller que está fóra por motivos laborais.

Aborto e xestación subrogada

Pola súa banda, Pilar García Negro lamentou que iniciativas "pioneiras" como unha lei sobre a interrupción voluntaria do embarazo que ela mesmo impulsou quedase nos 90 no camiño. Neste sentido, a nacionalista defendeu esa lexislación que se ideou para que a "muller fose o centro de decisión", tanto en interromper un embarazo ou non como en non verse obrigada a deixar un embarazo.

"Que haxa moitas mulleres de representación é un tributo á realidade, realismo puro e duro, a humanidade divídese en elementos con barba e sen barba", dixo noutro momento da súa intervención, na que engadiu que "de aí para abaixo", dese "tellado", está "o gran edificio social", algo que pediu ter en conta.

Por último, Gómez Limia, após lembrar a complicidade no hemiciclo con Emma González  (PP) a pesar de pertencer a partidos opostos, apelou a batallas que tivo que dar dentro do seu partido para que un 25% das listas estivesen ocupadas por mulleres.

A que foi deputada socialista defendeu loitar contra a "autodiscriminación" e referiuse tamén á situación actual para preguntarse "porque as mulleres teñen que ser as criadas" dos homes, non só en relación á "prostitución" senón á "nova forma de prostitución" que supón a xestación subrogada: ter un fillo "a cambio de diñeiro".

comentarios