A primeira iniciativa de Nós no Congreso será defender unha tarifa eléctrica galega

Avanzouno Carlos Callón durante o acto de apresentación da candidatura na Coruña

PRESENTACION NÓS-CANDIDATURA GALEGA A CORUÑA
photo_camera Foto: Nós Candidatura Galega

É posíbel abaratar o custo da enerxía a empresas e familias até nun 30% se Galiza se dotar dunha tarifa eléctrica propia, daí que este asunto vaia ser o que dea contido á primeira iniciativa de Nós Candidatura Galega no próximo Congreso dos Deputados. O anuncio fíxoo Carlos Callón durante o acto de apresentación da candidatura na cidade da Coruña, acarón do Obelisco, un espazo urbano co que Nós quixo simbolizar a súa presenza nas rúas que serven de escenario ás reivindicacións sociais.

Galiza debe beneficiarse da súa condición de exportadora de electricidade ao resto do Estado, argumentou Callón, no canto de "ser penalizada cuns custos de transporte -as denominadas peaxes- nos que non incorre", informou Nós Candidatura Galega a meio dunha nota de imprensa.

A utilidade da tarifa eléctrica galega exemplificouna Callón coa situación pola que atravesa a "fábrica de Alcoa", multinacional que alega os elevados custos eléctricos para xustificar a súa hipotética deslocalización.

Callón ve en Nós "a candidatura da casa, a única que vai defender Galiza en Madrid sen ningún tipo de limitación imposta polas estratexias parlamentares de grupos estatais"

"Non é de recibo que séndomos exportadores de enerxía non podamos ter unha tarifa propia que contribúa para a competitividade das empresas ou abarate a luz, cando hai miles de familias que padecen pobreza enerxética, tamén na Coruña", aduciu Callón.

A proposta de Nós Candidatura Galega é perfeitamente viábel, remarcou Callón, e nese sentido relembrou que o goberno vasco xa conseguiu no seu día unha tarifa específica para as empresas radicadas en Euskadi, o que ten resultado no aforro dos custos enerxéticos por volta do 30%.

No acto de apresentación da candidatura, Callón estivo acompañado pola número dous da lista, a actriz Isabel Risco, ben como por Cristina Bajo, Saleta Goi, Manuel Presas e o senegalés Dyby Fall.

Durante o acto, o número un de Nós Candidatura Galega dixo que a lista que el encabeza por A Coruña é "a candidatura da casa, a única que vai defender Galiza en Madrid sen ningún tipo de limitación imposta polas estratexias parlamentares de grupos estatais".

Callón ve tamén en Nós "unha candidatura de esquerdas coherente que non muda as súas propostas a golpe de sondaxes".

Comentarios