A primeira iniciativa do BNG, un plan para favorecer o retorno da mocidade emigrada

A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, lembrou que desde 2009 marcharon 80.000 menores de 35 anos e que a situación demográfica galega obriga a adoptar medidas.

G.p do BNG rexistrando o Plan Retorna
photo_camera G.P. do BNG, no momento do rexisto do Plan Retorna

Desde 2009 marcharon de Galiza 207.000 persoas, das cales 80.000 son menores de 35 anos. Unha fuga con importantes consecuencias demográficas, económicas e sociais, e que desde o BNG consideran que fai necesario ofrecer propostas para poñer fin á sangría emigratoria e para intentar revertela. Neste sentido, o grupo parlamentar nacionalista presentou nesta cuarta feira o que denominan 'Plan Retorna', e que co procuran sentar as bases para fomentar a volta das persoas emigradas. “Un conxunto de medidas transversais e acompañado doutras iniciativas como a creación dunha banca pública galega que apoie os sectores económicos e produtivos do noso país”, di Olalla Rodil.

Entre as medidas estaría destinar axudas para as empresas galegas que contraten persoas emigradas así como bolsas de axuda para estudos focalizados na investigación e tecnoloxía, principais ámbitos da chamada “fuga de cerebros”. Tamén apuntou Rodil como medida de impulso ao retorno da mocidade emigrada o “apoio ao emprendemento, bolsas para a ampliación de estudos e un fondo de vivenda en aluguer en vivendas sociais”

Para a viceportavoz, este plan debería estar entre as primeiras medidas a aprobar polo Goberno galego. Rodil, acompañada de todo o grupo parlamentar, lembrou que está a desaparecer a “xeración de mileuristas” e o Goberno da Xunta debe crear as condicións para que a situación de precariedade e emigración se reverta e retorne ao país a poboación emigrada menor de 35 anos.

Comentarios