CRÍTICAS INTERNAS A UNHAS PRIMARIAS "CENTRALISTAS"

Podemos: cando @s candidat@s galeg@s se poden votar desde Cádiz

As primarias para elixir as candidaturas galegas de Podemos para o Congreso teñen como terreno de xogo non Galiza, senón o Estado. Isto significa que os votos de andaluces, estremeños ou cataláns -por exemplo- poden determinar a lista galega, sendo que a circunscrición destas primarias é estatal. No Senado, en troca, as e os candidatos galegos si se elixirán só na Galiza.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias, nun acto de Podemos

O método de escolla das candidaturas de Podemos ao Congreso é con moito o máis centralista de todos os que utilizan as forzas políticas con presenza na Galiza. As e os candidatos vanse elixir nunha circunscrición eleitoral única. Aquelas ou aqueles que obteñan maior número de votos resolverán ir nunha circunscrición provincial ou noutra (ou sexa Pablo Iglesias, presumibelmente o que lidere a votación, elixirá ir por Madrid). Isto significa que en teoría unha persoa de Murcia ben colocada polos votos dos eleitores dentro das primarias podemitas podería elixir ser candidato por unha provincia galega. Un sensentido político que, porén, é teoricamente factíbel.

Perguntado a este respeito polo xornalista de La Voz de Galicia Carlos Punzón, quen especificamente o interpelou sobre se alguén de Soria podería ser representante da Galiza no Congreso, Pablo Iglesias dixo non concebir “que non haxa galegos nas listas de Galiza ou cataláns na lista de aquí”. Mais a seguir aduciu que “a xente en xerais non vota por un representante da súa provincia, están a votar un proxecto político”.

En teoría unha persoa de Murcia ben colocada polos votos das e dos eleitores dentro das primarias podemitas podería elixir ser candidata por unha provincia galega

Este método de escolla das candidaturas de Podemos ten erguido non poucas críticas no seo da organización na Galiza. Fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que no partido dos círculos no noso país existe non pouco malestar co núcleo dirixente. “Non entendemos o que están a facer Pablo e Íñigo [Errejón]. O lóxico é que as candidaturas galegas se elixan aquí”, afirman. Isto non significa en principio que se vaia producir unha rebelión a bordo da escadra podemita, e moito menos a tan poucos meses das eleccións xerais: a adhesión ao líder abafa finalmente calquer crítica. En todo caso, existe certa expectación polo que ao respeito poda dicer Pablo Iglesias na súa visita desta sexta feira ao noso país. O secretario xeral da forza emerxente aproveitará a súa estadía na Galiza para manter contactos con Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz.

 Fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que no partido dos círculos no noso país existe non pouco malestar co núcleo dirixente

A votación das candidaturas ao Congreso por circunscrición única foi votada pola cúpula do partido o pasado sábado e contou coa oposición da líder de Andalucía Teresa Rodríguez, ex dirixente de Esquerda Anti-Capitalista e unha das figuras da organización máis críticas con Pablo Iglesias. Tampouco tivo o apoio doutro dos referentes da formación que non fai parte da garda pretoriana do director de La Tuerka, Pablo Echenique.

Echenique e Rodríguez concordan en valorar que o procedimento de votación en circunscrición única permite ao aparato controlar ferreñamente o proceso de conformación das candidaturas, o que se afasta do espírito orixinario do proxecto podemita, en teoría máis libertario e amigo da horizontalidade.

Críticas desde Podemos-Euskadi

O carácter aberamente centralista do procedimento provocou tamén as críticas, expresadas até de agora en círculos restritos, segundo recolle El Mundo, por parte do secretario xeral de Podemos Euskadi, Roberto Uriarte. “Con este mecanismo podería ocorrer que a dirección de Madrid nos impuxese un paracaidista”, afirman fontes próximas a Uriarte.

A resposta ás críticas por parte do aparato pode resumirse nunha frase pronunciada durante o acto de presentación destas primarias por parte de Íñigo Errejón: "Esta é unha candidatura de país", dixo quen virtualmente é o número 2 da organización.

O núcleo dirixente alega tamén que as listas deixarán "ocos" para seren completados por persoas doutras organizacións -ou por independentes- naqueles territorios en que Podemos aspira a concorrer conxuntamente co que Monedero cualificou no seu día de "Outra Cousa", ou sexa, Galiza, Valencia e Catalunya [a marca sería Podemos máis o nome dalgunha plataforma, na entrevista de La Voz Iglesias falou da Marea Galega]. En Euskal Herria Podemos irá como Podemos. Alí non dou atopado "outra cousa" coa que ir.

Comentarios