As primarias do PSdeG fican "desertas" e Gonzalo Caballero será o candidato á Xunta

Primarias falidas ou primarias cun só candidato. Esta terza feira fechouse o prazo e, como estaba previsto, só se apresentou unha candidatura para concorrer como cartaz do PSdeG ás próximas eleccións galegas. A do secretario xeral, Gonzalo Caballero. O sector crítico abstívose de competir.

[Laura R. Cuba] Gonzalo Caballero
photo_camera Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento galego [Foto: Laura R. Cuba]

As primarias resolvéronse pola vía rápida, pola da incomparencia dos hipotéticos rivais de Gonzalo Caballero. As críticas ao secretario xeral só afloraron en forma dun post en Facebook do parlamentar Juan Díaz Villoslada, contrincante do vigués na pelexa pola secretaría xeral. O núcleo de dirixentes próximos a Valentín González Formoso, líder do sector que mantén distancias coa cúpula galega, preferiu desta volta non medir os apois de que dispón cada quen no seo do PSdeG.

Caballero tórnase así no primeiro candidato á Xunta eleito entre as forzas con presenza no Parlamento galego. Faino cunha antelación de no mínimo dous anos, argumento que o sector crítico esgrimiu contra el entre bastidores. A xente próxima a González Formoso argumenta que o secretario xeral avanzou as primarias para cortar o paso a unha eventual alternativa que puidese xurdir das próximas eleccións municipais, a se realizaren en maio de 2019.

Comentarios