Eleccións Municipais

As primarias de Compostela Aberta deixan mudanzas a respecto da proposta de Noriega

Un total de 467 persoas deron o seu apoio á candidatura de Martiño Noriega para recuncar como alcalde no proceso de eleccións primarias que decorreu en Compostela Aberta. O resultado muda de maneira significativa a proposta de listaxe do alcalde.

D2Qe3XNX0AEpgPB
photo_camera [Imaxe: CA] Membros da candidatura inicial proposta polo alcalde, Martiño Noriega

Con 467 votos a favor e 70 abstencións Martiño Noriega voltará a ser o candidato de Compostela Aberta ás eleccións municipais após o proceso de eleccións primarias que tivo lugar na organización. Un proceso que muda a listaxe proposta polo actual alcalde. Será a súa número dous Branca Novoneyra, responsábel de Acción Cultural que na lista inicial ocupaba o número 7.

No número 3 concorrerá Rafael Peña (que ascende desde o 4), actual edil de Medio Rural e Obras, e Marta Lois, concelleira de Turismo e igualdade que na lista inicial ficaba no terceiro posto, ocupará o cuarto. O concelleiro de Urbanismo, Jorge Duarte, sobe ao quinto posto desde o oitavo e María Rozas, a responsábel de Facenda, cae do segundo posto ao sexto.

O sétimo lugar é para Xan Duro, edil de Medio Ambiente, situado de noveno na proposta inicial, e Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, baixa ao oitavo posto desde o quinto. De noveno concorre Álex Botello, militante de Podemos que non forma parte do actual equipo de goberno e que na proposta inicial figuraba no sexto posto.

Iolanda Rei, Miguel Penas, Noa Morales (edil de Deportes), Iago Raposo -que non se atopaba na lista do alcalde- Natalia Paleo e María Jesús Iglesias completan a candidatura, que será confirmada o día 28 de marzo á espera da proclamación definitiva dos resultados das eleccións primarias.

Martiño Noriega anunciou os resultados provisionais do proceso interno a través de Twitter, onde agradeceu “a toda a xente de Compostela Aberta” que fixese posíbel as eleccións así como a participación de veciñas e veciños. “A vosa lista é a miña lista e agora toca traballar duro para sermos quen de renovar a confianza da cidade catro anos máis”, salientou o actual rexedor de Compostela.

Comentarios