O prezo da luz dispárase este sábado e bate récord anual

O prezo da luz sitúase este sábado, 3 de xullo, en 94,23 euros o megawatt/hora, un nivel récord ao tratarse de sábado.

Segue a evolución do prezo da electricidade en Nós Diario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo deste 3 de xullo bate o récord anual en sábado.

O prezo da electricidade no mercado maiorista alcanza este sábado, 3 de xullo, os 94,23 euros o megawatt/hora (MWh), un nivel récord ao tratarse dun sábado, día en que se reduce considerabelmente a actividade industrial.

Deste modo, o prezo deste 3 de xullo bate o récord anual en sábado, desprazando o alcanzado o pasado 19 de xuño, de 89,22 euros por MWh, que superou mesmo ao dos días 26 de xuño (83,99 euros/MWh), 29 de maio (81,77 euros/MWh) e ao rexistrado o sábado 9 de xaneiro en plena tormenta Filomena (80,66 euros/MWh).

Por facer unha comparación anual, o sábado que correspondería ao ano anterior, 4 de xullo, o prezo foi de 28,68 euros/MWh, segundo datos do Operador do Mercado Ibérico de Electricidade (OMIE).

Así, o prezo máximo situarase este sábado en 106,95 euros/MWh e o mínimo en 73,75 euros/MWh. O prezo medio deste 3 de xullo supera, por tanto, a marca alcanzada en xuño, en que se rexistrou unha media mensual récord de 83,30 euros.

Aliás, o prezo da electricidade alcanzou onte, sexta feira 2 de xullo, o seu récord anual, 99,80 euros o MWh.

Por outra banda, tal e como informou Nós Diario, o recibo da luz dun usuario medio disparouse 46,5% nas tres primeiras semanas de xuño, fronte ao mesmo período do ano pasado, apuntando así á factura máis cara de toda a historia. Segundo estimacións realizadas pola asociación Facua-Consumidores en Acción sobre a evolución da tarifa regulada (PVPC) durante o mes de xuño que vén de finalizar, se se  extrapolasen a un mes completo os prezos aplicados de 1 a 21 de xuño, o recibo do usuario medio sería o máis caro da historia, alcanzando os 88,76 euros (impostos incluídos). Desta maneira, a factura superaría o seu importe máis alto até a data, os 88,66 euros do primeiro trimestre de 2012.

Máis en POLÍTICA
Comentarios