Cartas ao director

Presos políticos ou políticos presos?

Consellers á súa entrada na Audiencia Nacional
photo_camera Consellers á súa entrada na Audiencia Nacional

Dende o encarceramento, hai uns días, da maior parte dos membros do destituído Govern da Generalitat, xurdiu un enfrontamento dialéctico entre os nacionalistas españois e os partidarios da independencia de Catalunya acerca da súa cualificación penal: ¿Son presos políticos ou políticos presos? O certo é que son ámbalas dúas cousas. Sen dúbida, son políticos presos, pero tamén son presos políticos porque o motivo do seu encarceramento foi ter cometido presuntos delitos de natureza política ou vinculados a obxectivos políticos —como o suposto delito de malversación de fondos públicos—, non delitos considerados “comúns”.

É sabido que durante a ditadura do xeneral Franco houbo una chea de presos políticos, algúns por feitos de sangue, aínda que a maioría por accións políticas que no código penal daquel réxime estaban tipificados como delito, pero que non o están no actual. Porén, temos que ser conscientes de que nas democracias, como nas ditaduras, tamén se establecen límites ás conductas de todo tipo que poden levar a cabo os cidadáns, entre elas as de carácter político. Chega con botar unha ollada aos títulos XXI (“Delitos contra a Constitución”) e XXII (“Delitos contra a orde pública”) do Código Penal, e ao capítulo V da Constitución de 1978 (“Da suspensión dos dereitos e liberdades”) para comprobalo.

En definitiva; os señores Junqueras, Turull, Forn, Romeva, Rull e Mundó, e as señoras Bassa e Borràs, ademais de Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, son políticos presos por razóns políticas. É dicir; presos políticos.

Xabier Vila-Coia. Madrid.

Comentarios